CARLOS CASARES
26 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Ese porteiro de fútbol do que falei onte, que mordía ós xogadores contrarios cando lle marcaban un gol, era un tipo raro. Alto ata ser un pouco langrán, tiña fama de túzaro. Na vida de a diario era ferreiro, con forxa establecida nunha especie de chabola, alonxado do resto dos veciños, cos que practicamente non falaba. Nas aldeas e vilas de arredor, onde residían os equipos que se enfrontaban ó seu, tiña fama de bicho, supoño que polo mal costume de morder ós futbolistas rivais. O meu avó dicía que, a pesar de todo, tratábase dun home bo, aínda que un pouco rabioso, sobre todo en cousas relacionadas co fútbol. Na forxa gardaba, pegadas nunha das paredes, vinte ou trinta retratos de Ricardo Zamora, a quen se quería parecer. Semella que aquela afección lle veu dunha breve estancia catalana, cando andivo probando fortuna por alá. Polo visto, un día presentouse nun dos clubes importantes de Barcelona dicindo que quería ser porteiro, puxérono debaixo dos paus nun entrenamento e ríronse del sen que se decatase de que lle tomaban o pelo. Xa de volta, unha vez, despois de que lle marcasen un gol e non mordese a ninguén, o público empezou a meterse con el. Sen morder, tiña menos gracia, pois xa convertera aquel costume nunha característica persoal. Chamáronlle de todo, desde señorita ata maricón. Por último, ocorréuselle unha vinganza, no momento en que un balón se dirixía cara á el, situado debaixo da portería, con lentitude, cedido suavemente por un dos seus defensas. O porteiro rabudo levou unha man á cintura e coa outra, inclinando o corpo en actitude toureira, deulle un pase perfecto á pelota ata o fondo da rede. Non faltou moito para que o mataran.