CARLOS CASARES
17 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Estes días leo os periódicos suecos para seguir a información relacionada cos atentados da semana pasada nos Estados Unidos. Foi así como souben que o tal Osama bin Laden, a quen todo o mundo culpa dos ataques, andivo por Suecia hai uns anos, tal como acaba de confesar unha rapaza daquel país que foi moza dun irmán seu. Lin tamén que os servicios secretos suecos, que teñen fama de estar ben informados, recoñecen que o movemento que dirixe o millonario saudí recauda diñeiro en Suecia e fai propaganda da súa causa, dúas actividades que alí non son ilegais. Si, pero nas Torres había suecos traballando. E uns trescentos británicos, que se dan por mortos. Segundo os servicios de intelixencia do Reino Unido, dun ou doutro xeito máis de cinco mil persoas traballan neste país para o famoso terrorista. Entre eles, un grupo de alxerinos que planearon unha acción salvaxe en Estrasburgo, que debía ter lugar entre os días 11 e 14 do pasado mes de febreiro e que impediu a policía alemana ó desarticular unha célula terrorista en Frankfurt. A acción consistía en matar ós 625 membros do Parlamento Europeo mediante a utilización de gas sarín, o mesmo que empregaron uns terroristas xaponeses no metro de Tokio hai cinco ou seis anos. O malo do gas sarín é que resulta moi fácil de fabricar, pois desde o punto de vista técnico está ó alcance dun alumno de bacharelato, desde o punto de vista económico é barato e desde o peor punto de vista, é dicir, o que respecta á súa eficacia mortífera, poucos son máis letais. Os nazis fixeron bo uso del. Agora tócalle o turno a esta xente, á cal non lle importa nin matar nin morrer. Debían beber de cando en vez un vaso de viño.