BAILAR DE ALEGRIA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

21 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Recordo moi ben como foi. O día que mataron a Martin Luther King, un señor de color negra que estaba vendo a televisión na súa casa, nunha cidade norteamericana, ergueuse como unha centella, foi ó armario onde gardaba unha pistola, cargouna de munición e dixo para si, tal como lle confesaría uns minutos máis tarde á policía: «Ó primeiro branco que atope na rúa, pégolle un tiro». Dito e feito. Un pobre home que tivo a mala sorte de cruzarse con el, recibiu un par de disparos na cabeza e alí quedou morto. Unha barbaridade que, sen embargo, non resulta difícil de entender. Onte mesmo pola mañá, estaba tamén eu sentado na miña casa, non vendo a televisión, senón lendo unha revista. De súpeto lin unha noticia ridícula. Un anónimo millonario americano tivo a humorada de encargar un sostén feminino, todo forrado de diamantes, para regalarlle a unha muller, ignoro se amante, esposa ou simple prometida. A horterada costoulle varios millóns de dólares. Levanteime, como o negro, e conectei con internet. Busquei a páxina dos defensores do imposto Tobin e apunteime. Para quen non estean informados direilles que James Tobin é profesor de economía en Yale, premio Nobel en 1983, que ven pedindo desde hai anos que se lles impoña un imposto ás transacións especulativas do capital. Somentes un 0,1 por cen. Eso suporía uns ingresos anuais duns trinta e dous billóns de pesetas, suficientes, segundo Nacións Unidas, para arranxar todos os descosidos que hai no mundo. Supoño que a cousa non vai resultar fácil, pero algún día terá que ser. Cando chegue, que non o verei, bailarei de alegría na miña tumba.