BEATUS QUI LEGIT / Xesús Alonso Montero
03 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Este xornal publicou o 17 de maio, Día das Letras Galegas, o resultado dunha enquisa feita a 76 persoas de moi diversa índole cultural, enquisa na que cada unha desas persoas tiña que designar cales eran os tres mellores libros da literatura galega. Gañou Rosalía de Castro, a Rosalía de Follas novas, obra que obtivo 29 votos. O resto das obras máis votadas estaban a unha notable distancia: A esmorga, de Blanco-Amor (15); Sempre en Galiza, de Castelao (14); Merlín e familia, de Cunqueiro (tamén 14); O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas (12); Cantares gallegos, de Rosalía (10); Cousas, de Castelao (9); Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas (8)... Outras enquisas poderían ofrecer, en boa parte, outros autores, pero esta ten tal interese, sobre todo polo perfil biográfico dalgúns entrevistados, que ben merecía un estudio, que ninguén fixo polo de agora. Algúns dos lectores dos resultados desta curiosa enquisa quedaron sorprendidos de que Curros Enríquez non ocupase un posto de certa relevancia. En efecto, o gran poeta Curros Enríquez só foi mencionado por seis votantes, catro dos cales citaron Aires da miña terra. Así pois, hai dous, só dous, que mencionaron, entre os seus tres títulos preferidos, O divino sainete: un foi Isaac Díaz Pardo, no fondo, sempre, un heterodoxo civil, e o outro alguén que, con intelixencia e cultura, milita desde moi novo no conservadorismo, espacio político no que case ninguén lle fai sombra hoxe en España. Refírome a Mariano Rajoy, polo momento vicepresidente primeiro do Goberno español. O señor Rajoy, na súa escolla, queda moi ben: O divino sainete, Merlín e familia e Follas novas. Estamos, por conseguinte, ante un lector aberto e plural, un lector que vai da radical soidade de Rosalía ó realismo máxico de Cunqueiro, e do deslumbrante xogo imaxinativo e estilístico deste escritor á sátira aticlerical de Curros Enríquez, sátira que abranque ó mesmo Papa. Alegato Pero O divino sainete, xenial epopea menor, é tamén un alegato contra outros poderes, contra outros abusos e mesmo contra certos usos, sempre defendidos, estes, pola dereita. Se é así, Mariano Rajoy, que pon en primeirísimo lugar o poema de Curros Enríquez, foi capaz, como lector, de realizar algo que faría as delicias dun lector puro: achegarse ó texto de Curros como construcción literaria sen que a súa ideoloxía (a de Rajoy e a de Curros) perturbase a lectura. Se non fose así, habería que pensar que calquera día veremos a Mariano Rajoy, diante do Vaticano, con esta pancarta redactada en verso por Curros Enríquez: Triadas, miñas triadas, / ladrade, mordede, ride: / onde haxa virtú, bicade; / onde haxa vicio, feride. Certo que, despois, habería que delimitar, con xeito, a noción de vicio e a de virtude.