Á MARXE CARLOS CASARES
24 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Confeso que non imaxinaba que se podería armar o lío que se armou só porque se me ocorrera falar aquí dun tebeo que se empezou a publicar no ano 1949, que foi cando saiu o número un, e que rematou tres ou catro anos despois, cando apareceu o último, que correspondeu ó 226. Resulta que o leu mais xente da que eu pensaba e que ademais deixou moi bos recordos na memoria de todos os lectores. Por outra parte, agora empezan a aparecer tamén outras historietas que se publicaban naquela mesma colección, Hispano Americana de Ediciones, en formato apaisado. O amigo Arturo Lezcano citaba hai un par de días, neste periódico, El pequeño sheriff, igualmente popular, e que eu creo que foi anterior a Suchai. Só recordo os nomes do rapaz, Kit, e do can, que se chamaba Roki. E postos a recordar, na mesma colección estaba Tim, el pequeño vagabundo. Deste último gardo menos memoria, aínda que teño fixas varias imaxes na cabeza. A primeira, a das portadas, nas que aparecía sempre na parte esquerda, Tim abrazado ó seu can, que non me acordo cómo se chamaba. Lembro tamén, aínda que máis confusamente, un episodio no que o neno protagonista loitaba a paus cunha aguia. Nada máis. Unha das cousas que máis intrigan á xente, polo que deduzo de cartas e chamadas, é a procedencia do nome de Suchai. Un amigo de Xinzo dime que lle soa a nome oriental. Sen embargo a explicación é máis divertida e xorde na primeira páxina do episodio inicial, que se titula El pequeño limpiabotas e que logo quedaría como subtítulo para toda a serie. Nela vese a un neno italiano chamado Nico que fala cun mariñeiro que lle pregunta cómo se pode dirixir en inglés ós soldados americanos para que accedan a limpar os zapatos, que llos deixará como un espello. O mariñeiro respóndelle que lles diga soamente: «shoe shine», pero que pronuncie «su chain». Parece ser que ese foi o nome co que os americanos coñecían ós centos de nenos italianos que trataban de gañar a vida como limpabotas.