ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
02 abr 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Existe unha nova palabra nos diccionarios e, imaxino, que de varias linguas do mundo: balcanización. Mentres asistimos ás primeiras entregas do peculiar arresto de Milosevic, un pouco máis abaixo, en Macedonia, os que ata hai pouco eran os bos, os albaneses, agora son os malos. Non obstante a exhibición pública de desgarro diplomático, todos, os escuros xestores diso que se dá en chamar comunidade internacional, parecen moi a gusto con este estado confuso e balcanizado das cousas. As propias cisrcunstancias nas que se desenvolveu a detención de Milosevic e, sobre todo, a sospeita de que todo o que se lle imputa resulta imposible pensar que fose feito de espaldas a, polo menos, unha parte importante da sociedade serbia, pois todo conduce a considerar que o desconcerto balcanizado da situación seguirá instalado e perpetuado nesa parte do mundo. O planeta está cheo de quistes, tumores bélicos irresolubles que se acumulan e permanecen ó longo do tempo. Da miña adolescencia perplexa recordo aquelas imaxes televisivas e incomprensibles dun Beirut cheo de ráfagas de metralla que se despilfarraban en cada esquina. Falábase de libanización e xa pouco sabemos de todo aquilo. O que si queda é a evidencia de que pasan os anos e os problemas de Palestina non se resolven, senón que empeoran. Quiste maligno. Podo engadir da miña memoria infantil, os problemas do Congo. Outro quiste. A industria da guerra e a cultura do conflicto insolucionable é o negocio e o medio ambiente que moitos insisten en manter e enquistar para o futuro deste planeta enfermo.