UNHA OPA, PERO AMISTOSA

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS

17 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O día menos pensado algún iluminado de posibles, millonarísimo, vai ter a feliz idea de presentarlle unha opa amistosa ao país enteiro. E compralo por tres ou catro pesos. Así funcionan as cousas no mundo feliz que o gran Josemari dirixe e protexe e alecciona. O Noroeste serve para as eleccións e pouco máis. Aquí chegan con retraso as autovías (pero hai que aplaudir a doutor Fraga, magnánimo, que foi quen de conquistar tal gracia), con retraso o tren veloz que percorrerá como unha arteria de ferro o noso verde peroné, con retraso a prosperidade que outros gozaron tempo atrás. Pero en cuestión de opas somos os primeiros. A pouco que descoides o teu territorio, estás abducido. Non hai nada que facer. Simplemente agardar por Godot que, como é sabido, non chega nunca. ¿Para que? Galicia, tan escasa de facturación industrial, é un apetecible caramelo no escaparate global do Gran Hermano que Orwell describiu (Pemítanme a paréntese para notificarlles a reinstauración do programa televisionario que hoxe regresa ás pantallas, con Mercedes Milá, e os concursantes, e o reino da fama: a vida, a dos outros, en directo... como se a vida de verdade deixase de importar, os días escritos entre os nosos dedos, nos ollos que miran e tocan e humedecen, na néboa, no mencer laranxa e gris, nos labios que bicamos e respiran, no futuro, abril, abril. ¿Tanto deixou de interesarnos a nosa propia existencia que precisamos vivir en directo, conmovidos, a vida aparente dos outros?). Paréntese pechada con interrogante retórico que vostede responderá inmediatamente. Se non o abduce, ou opa, algún amistoso Cortefiel. Miren, cando escribo esta crónica, ignoro o verdadeiro destino da empresa Adolfo Domínguez. Pero teño o valor de mirar cara dentro e observar a cidade amada: Auria. Sen Zeltia, sen Pescanova, sen Citroën, sen as Harley Davidson ou os obeliscos de Paco Vázquez, sen o Dépor campeón. Auria, Ourense, existe. Créanme, aínda que lles coste traballo. Unha cidade deitada no sur. Existe. E resulta tan fermosa que é imposible non emocionarse con ela. Polo tanto, ante o temor de que a opa a Adolfo continúe en expansión, outórgome a licencia de solicitar donativos para incrementar a cotización auriense. Para que non open definitivamente este reino electoral onde o Pepé goberna con absolutísima maioría. Ourense sen consellerías, sen autovía a Santiago, sen industria, progresivamente deshabitada, caseúltima -permítanme o neoloxismo- en rendas, benestar, etcétera. Pido, por favor, que non nos open. Que o virrei Baltar goberne moitos anos, a trombonazo limpo. Porque o día menos pensado algún millonario vai opar o país. E empezará por Ourense, seguro.