COCIDO 2001

La Voz

OPINIÓN

XAVIER SEOANE

20 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Ingredientes: Aceite de milenio de non moita graduación, 1 quilogramo de tenreira autenticada vía psiquiátrica, 100 gramos de uranio barato, unhas pingas de curry ONG, zume de laranxa recolleita en Almería por inmigrante ecuatoriano e unha copiña de marqués de Villalonga do 99 ou brandy Stock Options para gourmets privilexiados. Preparación: Dicímoslle á empregada colombiana que poña na cazola made in Taiwan a terneira a torrar mentres nós preparámolo lume con gas do Magreb recén conectado. Se a cociña é bilbaína, cuidar que non estea contaminada de violencia armada. Esluímos o uranio, para empobrecelo máis e evitar disturbios gástricos, no zume de laranxa natural, sen acidulantes. Pelamos uns chouriciños caseiros que nos mandou a sogra desde Agualada, e arrecenden mellor que o Paloma Picasso. Un aquel de manteiga axudará a mellorar a non converter todo en materia de último tango. Botamos todo na cazola de Buño tradicional, e remexemos con culler deseño italiano e control de importación O Padornelo-A Canda. Botámoslle algo de azucre contra a acedía dixestiva dos caneos da nova economía e as perplexidades da informática. Cando estea preparado, á mesa co manxar. O Palacio de Inverno ou a Casa de Campo han de estar ben iluminados. Velas íntimas, música minimalista ambiental. De beber, alvariño Rías Baixas. De postre, filloas galegas con crema catalana e turróns de Xixona con améndoas do Senegal. Observacións: É moi importante ter sempre, á man, unha presiña de sal de froitas ou de bicarbonato. Bo proveito. E feliz milenio entrante.