XOSÉ CARLOS CRESPO
06 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Como consecuencia da folga xeral do 14 de decembro de 1989, abríronse unha serie de negociacións entre o Governo e os sindicatos que desembocaron, entre outras, na Lei 7/90, que modificaba a 9/87, que garante como materia obxecto de negociación o incremento de retribucións dos empregados públicos. En setembro de 1994 foi asinado polos sindicatos CIG, CC OO, UGT e CSIF e o Governo, un acordo sobre as condicións de traballo dos empregados públicos, no que se determinaba que a suba salarial para o período de vixencia do mesmo (95, 96 e 97) sería, como mínimo, igual á previsión do IPC. En maio de 1996 pasa a governar o PP, que convoca a mesa xeral en septembro, negándose a negociar o incremento retributivo para incluir no Proxecto de Lei de Orzamentos de 1997 e impoñendo a conxelación salarial para ese ano (lémbrese a famosa frase do ministro Rajoy de «non marear a perdiz»), que provocou mobilizacións nas Administracións Públicas. No primeiro semestre dese ano foron interpostas demandas contra desta decisión do Governo, das que, unha delas, presentada diante da Sala do Contencioso da Audiencia Nacional, obtivo sentencia favorable ás pretensións dos empregados públicos, baseándose nos dereitos outorgados pola devandita Lei 7/90 e unha Resolución da OIT, pola que o Governo tén que pagar o incremento consistente na previsión do IPC para aquel ano de 1997 (o 2,6%) e a conseguinte actualización do mesmo ata día de hoxe. É importante subliñar que se tiveramos en vigor naquel momento o actual texto do anteproxecto de Lei do Estatuto da Función Pública (en vez da Lei 7/90 e demais lexislación concordante) os razoamentos xurídicos invocados na sentencia non serían válidos, e o fallo non sería o mesmo. Esta sentencia, ao ser unha resolución dun Tribunal do Contencioso Administrativo en materia de persoal, é firme, polo que entendemos que debería ser de aplicación inmediata para todos os empregados públicos, xa que se a Lei de Orzamentos do Estado para o 97 tivera recollido o incremento do 2,6%, os orzamentos autonómicos e locais terían a obriga de incluí-lo. Por conseguinte agardamos ter unha solución definitiva e satisfactoria a este contencioso, xa que pensamos que os empregados públicos, colectivo que abrangue a máis do 10% da poboación activa, leva perdendo gran parte do seu poder adquisitivo nos últimos anos, e temos razón moral e legal para sermos compensados.