JOSÉ DE SARAMAGO E O ACONTECER

La Voz

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO / Isaac Díaz Pardo

10 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

A os seus 78 anos, este excepcional portugués, veciño de Lanzarote, non ve unha porta de esperanza: o neoliberalismo é un novo totalitarismo que impoñen aos gobernos as multinacionais que dominan o mundo cunha exquisitez diabólica. Somos inertes, non hai crítica, nin indignación, nin inconformismo, nin a protesta que nos caracterizou tantos anos. Nos engaiolan con eso da realidade virtual; os ricos son cada vez máis ricos e os probes cada vez máis probes... Aínda que a afirmación de Saramago cadra ben para o terceiro mundo, penso que os probes no que se chama mundo occidental poden ser cada vez máis probes en termos relativos co crecemento dos ricos; mais esa exquisitez para adormecer a este pobo cha occidental, ven de que xamais tivo un nivel de vida material como o que hoxe ten, que lle confeccionaron con ese invento da sociedade de consumo, que non se sabe canto vai durar, que boa se vai a armar cando de esgoten as forzas que a sosteñen. Eu vexo outros síntomas máis escandalosos ao comparar o noso acontecer coa visión que tiña o Naranxo. Este personaxe das terras do Deza foi gabado, e tamén discutida a súa historia, por Laxeiro e Ramón de Valenzuela. O Naranxo era un tolo, mais non era tan perigoso como nos están facendo a nós quen manipula a nosa concencia. O Naranxo disfroitaba das paisaxes e sinalaba o hourizonte onde chegaban e se perdían as súas propiedades. Nos tamén disfroitamos, en conxunto, dos bens que nos da a sociedade de consumo, onde se fan multitude de aparellos que se moven con petróleo, e nos resolven todas as labores da casa. Dispoñemos de moita enerxía, tamén eléctrica, e moitas máis cousas, o que nos iguala ao Naranxo en felicidade, que non se decataba que esas extensións de terra tiñan donos, non eran súas, e a maioría de nós tampouco sabemos que todo este mundo que estamos disfroitando como consumidores tampouco é noso. Ficamos tan alleados nesta sociedade que con eso da Bolsa e outras manipulacións financieiras nos ocultan a realidade o mesmiño que ao Naranxo a súa tolería. O Naranxo coidaba que os veciños tiñan a obriga de lle dar unha cunca de caldo. Tamén nós coidamos que os medios teñen a obriga de nos informar con verdade, e nos dan o que nos dan. Hai pouca xente que como José de Saramago se dan conta do ichó no que nos cazan quen se afanan porque todo sexa deles. Alguén dase conta de que se o dólar cotiza máis ao mesmo tempo que o petróleo sobe, porque a súa demanda vai por riba da oferta, descobre de quen é o petróleo. Mais como todo é dos mesmos hanse arranxar para non arruinar a outros sectores que tamén lles pertencen. Todo vai ben até que revente. Teño nun caixón unha manchea de informes que van chegando, da industria, das empresas, libros brancos... todos eles moi ben rematadiños, en tecnicolor e con moito barnís, saídos das pantalliñas esas. O único que lles falla é saber de quen son as cousas, semella como se todos estivesen instruidos para non decilo. É un concepto neoliberal que inventaron os seus beneficiarios e que xamáis pasou por un control democrático.