MANEIRAS DE VOAR

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

13 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

En Filipinas, un señor que estaba a punto de cumprir cen anos de idade, e que a estas horas xa os debeu cumprir, dixo nun programa de televisión que non cría nos avións. En realidade, non é que dubidase da existencia destes aparatos, pois tiña visto algúns sulcando o ceo por riba da súa cabeza, senón que estaba convencido de que non eran o que se dicía deles, aínda que tampouco soubo explicar en qué consistían e para qué servían. Como consecuencia do citado programa, alguén chamou ós responsables do centro emisor para convidar ó escéptico a dar unha volta nunha pequena avioneta particular, co propósito de sacalo do seu erro. Sen pensalo dúas veces, o vello aceptou, coa seguridade de que se ían confirmar as súas sospeitas. Chegado o día da proba, embarcárono, sen a compañía prevista dun médico, que o home refugou indignado, e levárono a dar un longo paseo de perto de dúas horas. Para que non lle quedase ningunha dúbida de que andaba polos aires, conducírono ata a súa aldea e, situados naquel espacio para el familiar, amosáronlle a súa casa, a igrexa e todos cantos outros detalles se podían identificar. O señor limitábase a mirar, pero sen pronunciar unha soa palabra. Cando rematou o periplo, e tendo en conta que o paseante seguía sen abrir a boca, os demais acompañamtes quixeron coñecer as súas impresións. Nun primeiro momento, despois de moitos circunloquios, o home deu a entender que estaba completamente convencido de que era certo que os avións, ademais de existir, servían para transportar xente polo espacio. Non se trataba, polo tanto, dun asunto de tozudez ou de idiocia, senón dunha cuestión de escepticismo cazurro ou de desconfianza aldeana fronte ós avances da ciencia. Sen embargo, tivo que deixar a impronta da súa personalidade e a súa maneira de pensar, cando engadiu: «O que pasa e que esto de voar é unha trampa. O difícil é dar un salto e alancar por riba dun regato».