MARÍA CEDRÓN
12 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A pantasma da supertaxa _cuota suplementaria establecida no sector do leite para reduci-lo desequilibrio existente entre a producción dos Estados membros da Unión Europea e a demanda real do mercado_ chegou a Galicia na campaña 93/94. Dende aquela, os propietarios das preto de 20.000 explotacións gandeiras que aínda perviven en Galicia levan abonados a Bruselas uns 21.000 millóns de pesetas en concepto de multa por ter superado os límites de producción marcados pola Administración comunitaria. Descoñécese o que levan gañado. Neste tempo as subvencións para a renovación do sector foron ben recibidas, pero non tanto as cartas do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) nas que se comunicaba ós gandeiros a sanción á que debían facer fronte por ordeña-las vacas demáis. Este ano, aínda que as compensacións sobre a producción bruta rebaixaron en todo o Estado a 5.195 millóns _imputables a un total de 24.240 ganadeiros_ a multa inicial de 12.000 millóns de pesetas, ó sector en Galicia chegoulle unha factura difícil de asumir, según os sindicatos que esqueceron que o que non se pasa non paga. A Xunta e as industrias sitúan en torno ós 2.300 millóns a multa, mentras que a Federación de Empresarios Productores Lácteos (Feplac) desminte as cifras oficiais e di que a supertaxa é de 3.000 millóns de pesetas. Na campaña 99/2000 xa non hai volta atrás. Agora, mirando cara a diante, o panorama é tan esperanzador como cada quen o queira ver. Se se fan números, o aumento de cuota dispoñible para España en 550.000 toneladas e a reasignación das cantidades de referencia liberadas polos plans de abandono da actividade agraria é probable que a supertaxa desapareza na actual campaña 2000/2001. Éstes son os números que tamén fai a Xunta, principal interesada en agochar unha situación que afecta á que ata hai pouco foi unha das canteiras electorais do PP e que non quere deixar de ganar. Á esa ecuación hai que engadir ademáis as explotacións que desaparecen cada ano porque non hai un relevo xeneracional que queira atender un negocio que só é rendible para os grandes productores do sector lácteo. Xa di o refrán, «a cocho gordo untarlle o rabo». Ante isto é doado comprende-las declaracións do comisario de Agricultura, Franz Fischler, nas que confirmaba que o Consello da UE revisaría no 2003 a OCM do leite co fin de que as cotas de producción quedasen derogadas a partires do 2006.