ELADIO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

25 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Seguimos de funerais. Primeiro, José Angel Valente, logo Carmiña Martín Gaite, agora Eladio Cabañero. Moito temo que deste último se falará menos, a pesar de que era un gran poeta. Nacido en Tomelloso, patria fértil en escritores, antes de trasladarse a Madrid, exerceu oficios manuais, entre eles o de albanel, e foi agricultor, traballando desde neno nas viñas do seu avó. Logo entrou como empregado na Biblioteca Nacional e acabou nunha coñecida editorial madrileña. Durante anos foi asiduo das tertulias do Café Gijón. Hai moito tempo que andaba mal, segundo me inforrmaban os amigos, como o poeta Diego Jesús Jiménez, que o admiraba e o quería. Eu fun lector dos seus versos desde a miña época de estudiante en Santiago, cando xunto con Arcadio López Casanova, recitabamos en voz alta os seus versos. Aínda recordo algúns. Con eles quero rematar esta pequena nota de lembranza: «Ved que el pan es muy amigo de los niños y de los pájaros. Y porque los criminales y los renegados aman el pan y a sus madres».