«Ir aos Estados Unidos para tocar con Carlos Núñez é toda unha oportunidade»
CULTURA
A violinista cre que os sons tradicionais están cada vez máis recoñecidos
18 ene 2015 . Actualizado a las 12:32 h.Non o cre aínda. O luns pasado Antía Ameixeiras (Laxe, 1993) respondeu a unha chamada telefónica que, cando menos, vai cambiarlle a rutina diaria durante 22 días deste 2015. Porque o que lle dixeron é que era a gañadora da beca Abanca para tocar xunto co gaiteiro Carlos Núñez na súa xira por Estados Unidos. O periplo comezará o 27 de febreiro e durará iso, uns 22 días. «Aínda non sei os detalles da xira. Creo que comezamos en Albuquerque, pero tamén iremos a Indiana, Texas, Ohio...», apunta.
-Seica cando lle comunicaron que era a elixida ata lle caeu o móbil. Co currículo que ten (tocou xa a nivel internacional en varios proxectos), ¿como é que se puxo tan nerviosa?
-Porque é toda unha oportunidade ir aos Estados Unidos para tocar con tres musicazos como Carlos Núñez, Pancho Álvarez e Xurxo Núñez. Logo é verdade que Estados Unidos é un mundo novo totalmente que teño moita gaña de coñecer porque tamén os lugares aos que imos non son os destinos habituais. O único que me dá pena é que ao meu grupo non nos cambien a data para unha gravación que gañamos nun concurso en Santiago e que coincide coa viaxe.
-¿Cre que a música tradicional galega está mellor vista fóra que dentro da comunidade?
-Cada vez está máis recoñecida tanto fóra como dentro. É verdade que había unha carencia nese senso dentro de Galicia, pero estámonos recuperando. Eu téñolle que agradecer moito á asociación Adro de Baio que me iniciou no amor a esta música.
-A beca é unha especie de recoñecemento ao esforzo de toda a vida. Porque ademais de tocar, estuda Ciencias da Comunicación en Compostela... ¿Como compaxina ambas cousas?
-Dende pequena sempre precisei ter moitas cousas que facer. Non podo estar sen facer algo, porque acabo perdendo o tempo e non me gusta. É verdade que son traballadora.
-Estivo de Erasmus en Praga, parece que lle deixou moita pegada...
-Alí na República Checa non é doado topar a alguén que non toque algo. Iso axuda. Hai moitos concertos en directo... todo iso axudou a que cultivara o tema do violín.
-Deixouse inspirar por ese ambiente que observou nesa cidade da República Checa e iso influíu en vostede, pero de escoller a unha persoa que a inspire...
-A Keith Young, por suposto. A esa violinista escocesa coñecina en Praga.
-O seu primeiro encontro é como para contar ¿ou non?
-Coñecina alí durante un concerto. Ao acabar quedei tan prendada que me acheguei a ela para pedirlle que me dera clase. Non dixo que non e acabamos sendo moi amigas.
-De feito deulle clase.
-Deu, deu. Agora está en Escocia, pero o pasado verán estivo por aquí, por Galicia. Incluso puiden tocar con ela en Burgos.
-Unha marca máis para o seu currículo, que non é curto.
-A verdade é que na vida tiven moita sorte porque me deron oportunidades.