Un proxecto de séculos que perdurará

Rafael Sánchez  EX XERENTE DO XACOBEO

MERCADOS

31 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Resulta moi difícil prognosticar o futuro cando as incertezas do presente aínda son enormes. ¿Cando rematará a pandemia? ¿Haberá repuntes ou non? ¿En que prazo será posible a mobilidade nacional e internacional?... E sen diagnóstico non hai tratamento axeitado. Con todo, algunhas certezas podemos apuntar. A crise obríganos a todos a reinventarmonos e reposicionarmonos, apostando aínda máis pola calidade nos servizos, non basculando a nosa oferta ao modelo lowcost, primando os criterios de sustentabilidade e da Axenda 2030. De novo o papel do movemento asociativo xacobeo será imprescindible, son prescriptores de garantía para os peregrinos, e especialmente internacionais: eles son a mellor campaña publicitaria. O Camiño de Santiago e a peregrinación superarán esta crise porque son realidades históricas permanentes; os seus valores de hospitalidade e de espiritualidade son referencias para deixar atrás esta crise. A ruta xacobea, dende a historia, testemuña un proxecto común dos europeos, construído polos cidadáns ao longo dos séculos en vilas e cidades por todo o noso continente. Un referente para avanzar na construción dunha auténtica Unión Europea.