Patrocinado porPatrocinado por

Rosa Quintana: «Vai haber que pensar en fixar unha cota mínima de pescadores para garantir a súa sostibilidade»

E. A. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

xunta

A conselleira de Mar esperaba «máis sensibilidade» cara a un sector que o deu todo na pandemia e que ten os recursos en bo estado

18 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Viaxou a Bruxelas para participar no Consello de Ministros de Pesca que debía fixar as posibilidades de pesca para o ano que vén en representación das comunidades autónomas. Pero tal e como participou, ben podía seguir as negociacións dende San Caetano. Por cuestións de aforo derivadas da crise sanitaria do covid, a Rosa Quintana non se lle permitiu entrar no plenario, onde se deciden os TAC (totais admisibles de capturas) e as cotas. Ironicamente, ao rematar o cumio belga tivo que participar dende Bruxelas no Consello da Xunta que se celebraba en Santiago.

—Como sae da negociación? Cansada, enfadada, satisfeita, decepcionada...

—Triste. Ese é o sentimento. O cansazo, cando os resultados son bos pásase enseguidiña, pero se non son os que se esperaban, como é neste caso, o sentimento non é outro que o de tristura.

—Foi un consello longo.

—Máis ou menos como todos os anos, que remata pasadas ás 6.30 horas, pero este ano con tantas incertezas, como a pandemia e o brexit...

—Non se fixo máis longo ao estar fóra do plenario? Seguindo as negociacións dende a distancia pese a estar en Bruxelas?

—Foi máis duro porque non podiamos saber as opinións doutros ministros, nin cales eran as reaccións do comisario, nin podiamos seguir a evolución das conversas... Foi difícil, certo. Tivemos a primeira proposta de compromiso ás dez da mañá [de antonte] e non tivemos a seguinte ata ás 7.30 horas [na madrugada de onte].

—Non houbo comunicación coa delegación do ministerio?

—Tras recibir a primeira proposta da Presidencia alemá mandamos máis argumentos ao ministerio para que os fixesen valer. Logo tivemos á unha da madrugada unha reunión co ministro, a secretaria xeral de Pesca e o embaixador. Entendo que é complicado, pero creo que co papel que tivo o sector nesta pandemia merecía un pouco máis de sensibilidade.

—É dicir, de cotas.

—O estado dos recursos que explota a frota están en rendemento máximo sostible (RMS) e, polo tanto, deberíaselle garantir o roll over, seguir coas cotas que tiñan, non rebaixarllas.

—Estimaba en 12 millóns de euros as perdas que suporían para Galicia os recortes que propuña a Comisión, 30 no conxunto da economía. Botaron as contas de en canto quedou ese prexuízo económico?

—Aínda non as botamos. Tivemos a proposta ás 7 e media da mañá e aínda non deu tempo. Fixemos unha primeira valoración, pero agora hai que deterse tamén na letra pequena e analizar co sector o que acontece cos datos para facer unha lectura máis pausada e mirar por traballar o ano que vén. Hai que manter a ilusión para seguir porque tamén se abren oportunidades de traballo.

—Hai algún recorte que sexa máis complicado de superar que outro?

—Todos os recortes son duros, pero no caso da pescada sur, da que o mesmo ICES (Consello Internacional para a Exploración do Mar) dicía que a biomasa se estaba a recuperar e se incrementara un 50 %, é difícil asumir ese 5 % de recorte do TAC (total admisible de capturas) cando xa vimos dun recorte o ano anterior. Tamén o linguado, que aínda que se propoñía baixar un 41 % e quedou nun 20 % aínda segue a ser un golpe económico duro... E como iso, outras moitas. Mesmo a anchoa, que segundo os datos do ICES está en niveis históricos dende que se avalía, que a biomasa está quince veces por riba do límite biolóxico de seguridade, e só se consegue un incremento do 3,5 %... Hai cousas que están descompensadas.

—Hai algo positivo?

—Por ver algo positivo está aberta a flexibilidade para traspasar as cotas dun ano para outro e o compromiso acadado coa cigala do Cantábrico Noroeste, que despois de todos os datos e argumentos científicos que levaban, a Comisión abriuse a facer antes de maio unha reavaliación do stock atendendo ás campañas de prospección realizadas polos científicos e a propia frota. E están dispostos a reabrir a pesqueira se se confirma que a poboación está en bo estado.

—Parece que foi o acordo para o Mediterráneo o que complicou as negociacións. Puido iso influír en que non se mitigasen máis os recortes nas cotas do Atlántico?

—É todo un conxunto. E tamén un tema de sensibilidade. É certo que hai que recuperar as poboacións pesqueiras nese caladoiro, pero pódese facer a máis longo prazo. É como no Atlántico. Como isto siga así vai haber que pensar en fixar unha cota mínima (TAC) de pescadores para garantir a súa sostibilidade e que os siga habendo no futuro. Acadar tamén o RMS para os pescadores, non só para os peixes.

—Satisfai a solución acadada para Gran Sol?

—É unha saída para poder seguir pescando. O importante é que non se detén a frota e pode seguir faenando ata o 31 de marzo. Tamén é importante que se permita a captura de máis do 25 % do TAC de especies como a xarda e o lirio, que son pesqueiras máis estacionais. A partir de aquí, non se sabe que vai pasar, ao estar pendentes como se está do que acontecerá despois do brexit. Nós nese tempo temos que rearmarnos, buscar máis argumentos para garantir a sostibilidade socioeconómica da nosa frota.

—Entende que dende o ministerio se faga unha valoración positiva?

—A verdade é que non entendo que se poida facer unha valoración positiva. Vai ser tremendamente difícil explicarlle ao sector os recortes. Certo que se suavizaron un pouquiño as rebaixas, pero a situación dos recursos alentaba para pensar outra cousa.