Patrocinado porPatrocinado por

Andrés García Boutureira: «Non queremos pescar de máis, si o suficiente para vivir honradamente»

F. Fernández REDACCIÓN / LA VOZ

PESCA Y MARISQUEO

M.MORALEJO

A frota prepara máis mobilización para pescar anchoa ao sur de Fisterra

16 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Outra vez na rúa. A frota galega de cerco, integrada por 125 barcos e 1.200 traballadores directos, emprendeu mobilizacións porque non poden capturar a anchoa que abunda na zona comprendida entre Fisterra e o golfo de Cádiz (a IXa), pechada dende febreiro porque a cota se esgotou, aínda que recurso hai. Andrés García Boutureira é o representante da asociación de armadores de cerco de Galicia (Acerga).

-O xoves protestaron en Vigo, ¿foi o principio dun calendario de mobilizacións máis amplo?

-Si, estamos dispostos a seguir protestando ata que se nos escoite e se faga xustiza. Pero o calendario aínda non está decidido.

-Pero a anchoa non espera, ¿xa a dan por perdida?

-Dende logo que si, xa sabemos o que vai ocorrer, que este ano será outro ano perdido, pero isto non pode seguir ocurrindo, alguén terá que poñer sensatez e darse conta de que a flota galega non pode estar discriminada deste xeito.

-¿Tardaron en reaccionar?

-Tardamos porque sempre tes a esperanza de que a Administración actúe. Sabemos que intentou darnos 200 toneladas de anchoa dos intercambios con Portugal, pero os andaluces negáronse. Falamos con eles e non houbo maneira.

-Agora é a anchoa, hai uns meses foi a xarda, o xurelo... ¿Non están xa un pouco fartos de ter que saír ás rúas cada pouco tempo para reclamar poder traballar?

-¡Como non vamos estar fartos! Estamos máis que fartos, desesperados... Isto non pode seguir así, necesitamos cuota para poder pescar. A única frota de España que ten estes problemas é a galega. A VIIIc [entre Fisterra e o río Bidasoa] está sen cota de xurelo e xa estamos consumindo da do ano que ven. O que está claro é que este reparto nin é válido nin bo para nós. Estabamos moito mellor antes, cando non se repartían as especies. De feito, nas especies que non están repartidas a frota enténdese.

-¿Por que os problemas pasan en Galicia? ¿Negociouse mal?

-É falta de sensibilidade. Fíxose este plan de xestión e vese que non é válido, hai que rectificalo.

-É difícil de entender que a Galicia lle toque o 1,14 % da cota de anchoa na IXa.

-Xa. É que para que aceptaramos ese reparto, o anterior secretario xeral de Pesca díxonos que ampliaría a cota se aparecía anchoa, pero está claro que non se pode confiar nas palabras, aínda que iso está recollido nunha acta. O reparto fíxose por capturas históricas, pero se se tivera en conta o factor socioeconómico tiña que tocarnos máis, como mínimo un 20 %.

-¿Intentaron falar co anterior secretario xeral de Pesca, Carlos Domínguez, que agora está de embaixador en Malaisia, para pedirlle contas?

-Para nada, hai un novo secretario que terá que asumir os compromisos do anterior. Pero non parece o caso.

-¿Cren que a Xunta fixo todo o que podía polo cerco?

-Non fixo presión suficiente sobre a Administración central, necesitamos máis contundencia pola súa parte.

-Contactaron cun avogado, ¿que queren facer?

-Imos esgotar primeiro a vía administrativa e despois iremos ao xulgado a reclamar a nulidade do reparto do 1,14 % para conseguir o que lle toque a Galicia legalmente. Estamos quedando sen posibilidades de pesca.

-A frota irá a menos.

-Todos os anos apúntanse moitos ao desgüace, é que o armador non soporta a presión que ten, é terrible. ¿Sabes cal foi a resposta da Administración ao noso problema coa anchoa?

-¿Cal?

-A inspección. Están os inspectores comunitarios nos portos, sobre todo no de Vigo, para controlar que non se descarga anchoa. E non se descarga, claro. O que queremos é pescala legalmente. Saben que temos anchoas e que non podemos pescalas e mandan a inspección en vez de habilitar más cota.

-¿Non se senten ben tratados?

-Sentímonos tratados como delincuentes, temos unha presión inspectora enriba sempre. A frota o que quere é traballar tranquila, dentro da lei.

-O futuro do cerco non parece moi despexado. ¿Como acabará?

-Todos esperamos que isto cambie, se non o futuro é claro: a desaparición.

-Igual é o que queren.

-Da a impresión de que iso é o que queren, si, pero hai que darse conta do que arrastrará o cerco con el, porque non é só sacar os barcos do mar, tamén haberá que pensar que facer cos traballadores de terra que viven de nós.

-¿Que están collendo estes días?

-Cabalón, algunha sardiña, moi pouco xurelo e algo de anchoa na VIIIc. Na IXa teñen que deixar pasar a anchoa e pescar cabalóns e algún xurelo ou sardiña. Desta está habendo moita máis que o ano pasado, pero non se pode pescar toda a que se ve.

-Pero ¿estase mercando sardiña conxelada para cubrir a demanda do mercado?

-É así, está vindo de Marrocos porque hai que atender os pedidos, e a sardiña fresca está escasa.

-¿Este ano é o peor que recordan?

-Non é peor, é máis ou menos igual que o ano pasado. A anchoa está mellor. Pero hai que buscar unha estabilidade para a frota, ninguén quere pescar de máis, só o suficiente para vivir honradamente.