O finado, Enrique Casanova, fillo adoptivo de O Corgo

La Voz LUGO / LA VOZ

O CORGO

03 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O axente medioambiental, Enrique Casanova, falecido en xuño do 2015 tras sofocar un incendio forestal en Guntín, foi nomeado fillo adoptivo de O Corgo.

Toda a corporación corguesa decidiu nomear a título póstumo Fillo adoptivo do municipio a quen ocupou o posto número dous do BNG e foi edil durante 16 anos en dito Concello. O rexedor corgués, José Antonio Ferreiro, foi o encargado de entregar a viúva de Casanova, Chelo Vázquez, unha placa como recordatorio do nomeamento.

Políticos das diferentes cores tiveron palabras de afecto para o seu compañeiro pero foi o concelleiro Mario Outeiro, quen detallou a súa traxectoria e resaltou o seu traballo na fundación de Arumes do Corgo e do Centro de Estudos do municipio.

Pola súa banda, os veciños de Manán tamén decidiron homenaxear a quen se preocupou por eles. Celebraron unha comida, á que se sumou a voceira nacional do BNG, Ana Pontón. Logo de xantar, na Praza do lugar, tivo lugar o descubrimento dunha placa co nome de Enrique Casanova, como agradecemento ós proxectos que levou a cabo.