O campamento romano da Cortiña dos Mouros nos Ancares

O Campo do Circo ou Cortiña dos Mouros atópase a cabalo entre Balboa (O Bierzo) e Vilarello (Cervantes). A parte máis elevada do monte, situada a 1.294 metros de altitude, presenta unha morfoloxía case achairada, cun bo dominio visual sobre as cabeceiras dos ríos Navia e Balboa, actuando como divisorio de augas.

En 1998, Mañanes Pérez é o primeiro en situar aquí un posible asentamento, indicando a existencia dun muro, se ben non se comprobou sobre o terreo. O propio topónimo, O Circo (circus), que en principio denunciaría un terreo de forma circular ou semicircular nun monte, tamén podería facer alusión (ademais dun círculo lítico prehistórico) a un circo romano pola súa forma alongada. No 2000, Terra Arqueos redactou unha ficha para a Carta Arqueolóxica de Balboa designándoo como «lugar de habitación indeterminado» pero considerándoo como un antigo asentamento que podería estar relacionado coas mámoas dos Forniños (Vidal Encinas, 2015).

En efecto, ao sur deste posible xacemento, a uns 550 metros, nunha paraxe de monte baixo pertencente ao Bierzo, documéntanse tres túmulos do Neolítico (o Inventario de Patrimonio da Xunta de Galicia ubica a mámoa número 1, erradamente, en territorio galego). Recentemente, o Colectivo Patrimonio dos Ancares localizamos outras dúas mámoas ao norte, xa en terras de Cervantes, a uns 150 metros.

Altoimperial

Aínda que os restos sobre a superficie apenas son perceptibles, a utilización das novas tecnoloxías (fotos aéreas, LIDAR) evidencian a existencia dun campamento de cronoloxía altoimperial romana. Tomando como referencia as fotos aéreas históricas, o recinto, de forma tirando a trapezoidal, tería unhas 4 hectáreas. Na actualidade só se aprecia de forma case imperceptible, debido á mesta vexetación, un parapeito ou cerco en ángulo recto (uns 160 x 85 metros) na parte do Bierzo; no lado galego as repoboacións forestais e a apertura de cortalumes e camiños arrasáronno na súa totalidade.

Este campamento da Cortiña dos Mouros, xunto co da Serra da Casiña, en Valverde (Balboa), gardan certa relación co trazado da vía XIX do Itinerario de Antonino a través do porto do Portelo ou cos pasos naturais existentes con anterioridade á calzada romana (Menéndez Blanco et al., 2015), en cuxas proximidades se localiza a aldea do Comeal (ou Cumial) onde se documentou un agger da vía. Entre ambos os dous campamentos hai pouco máis de seis quilómetros. Por outra parte, no extremo occidental, a uns 20 quilómetros do Campo do Circo, descubríronse no 2010 os campamentos da Recacha (Navia) e a Granda das Xarras (Ibias, Asturias-Candín, León) que dominaban os pasos de montaña que unen os Ancares e Ibias. Sen esquecermos do da Huerga de Frades, en Villazala.

As características destes sitios arqueolóxicos indican que se trata duns castra aestiva de cronoloxía altoimperial romana, uns campamentos temporais construídos polo exército romano no decurso das campañas militares durante as Guerras Astur-Cántabras (29-19 a.C.). Estas construccións actuaban como base de operacións onde se acuartelaban as tropas, onde se abastecían ás que estaban na fronte, lugar de retirada no caso de seren fustrigados polas forzas locais, exploración dunha zona con recursos mineiros (só no concello de Cervantes están documentadas preto de 60 explotacións auríferas), infraestrutura de apoio á construción de camiños, etc.

En febreiro e marzo do 2017, integrantes do noso colectivo peiteamos a zona removida polas máquinas (cortalumes) e as gabias feitas para a plantación de piñeiros (a parte mellor conservada, a do Bierzo, está cuberta por unha densísima matogueira) na procura dalgúns restos. A busca resultou infrutuosa, se ben é certo que neste tipo de asentamentos non é doado atopalos.

Para coñecer a cronoloxía do momento de ocupación do campamento do Campo do Circo (e do resto) é preciso emprender unhas serie de prospeccións e escavacións arqueolóxicas que nos poden amosar o protagonismo que tivo a serra dos Ancares no período de conquista e dominación romana de Galicia, e unha visión distinta das coñecidas como Guerras Astur-Cántabras, denominación que cremos pouco atinada.

Votación
8 votos
Comentarios

O campamento romano da Cortiña dos Mouros nos Ancares