«Temos que comer tres veces ao día, así que o rural sempre vai existir»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CASTROVERDE

O agro e a gandería protagonizaron un foro organizado por La Voz e Ence Terra

27 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xerar un espazo no que compartir experiencias auténticas e inspiradoras. Con ese propósito botou a andar esta semana o ciclo de conferencias «En primeira persoa do rural», impulsado por Ence Terra. De soberanía alimentaria, infraestruturas necesarias e de relevo xeracional falaron, durante o foro celebrado no Pazo de Vilabade (Castroverde), o gandeiro Javier Fernández Arias e o agricultor Alberto Amil.

«Procedo unha familia gandeira, así que levo vinculado ao rural dende antes de nacer, xa vai nos xenes», subliñou Fernández. No seu caso, o proxecto gandeiro arrincou no 2012 en Cospeito. Agora, dende inicios do 2024 xestiona a súa propia explotación de ovino e vacún en ecolóxico. Amil, tamén de familia labrega, preside a cooperativa de horticultura Horsal —radicada na comarca do Salnés— dende hai 18 anos. «Na década dos 80, 11 familias apostaron polo cooperativismo, pola unión para vender. Os principios foron complicados, pero fomos crecendo de forma progresiva, pero segura», explicou.

Amil recoñeceu que «de rapaz nunca me gustou o campo, pero agora dignificouse e vexo que se poden facer moitas cousas dende aquí». O 40% da produción de Horsal é de leituga e de pemento de Padrón. O restante, de cebola e tomates, entre outros. A cooperativa traballa desde hai dous anos en novos cultivos como o aguacate porque «descubrimos que a nosa zona é un lugar ideal para producilos».

No transcurso do foro, Amil e Fernández coincidiron na necesidade de dignificar e dar a coñecer as potencialidades porque «a soberanía alimentaria en Galicia está no rural».

Fortalezas e debilidades

«O rural permite a un ser o dono do seu tempo», apuntou Amil ao ser preguntado polo mellor e o peor de apostar por este medio de vida. «Isto ten futuro porque temos que comer tres veces ao día, así que sempre imos existir». O peor, dixo, «son as incertezas». Na mesma liña, Fernández engadiu que «a gran vantaxe é o tempo, é o máis valioso». Pero tamén sinalou que «estamos nun mundo ultraburocrático, as administracións diríxense dende as cidades e non teñen en conta as nosas circunstancias».

Demandas para mellorar as infraestruturas básicas e a conectividade

Dotar ao rural de Galicia das infraestruturas e servizos necesarios foi un dos asuntos sobre os que xirou o debate. No Salnés, explicou o presidente de Horsal, «temos os mesmos servizos que na cidade, os nosos problemas son outros, por exemplo, a falta de terras». Nese senso, Fernández apuntou que «o rural é moi amplo, non é o mesmo onde eu vivo, Begonte, que Chandrexa, de onde son orixinario. Iso si que é rural, con grandes distancias para ir ao colexio, para mercar ou para ir ao médico». Sobre as necesidades dos que apostan polo rural para emprender, ambos demandaron melloras en infraestruturas viarias, pero sobre todo en termos de comunicacións e conectividade porque «xa facemos case todas as xestións a través de Internet».

Relevo xeracional

Garantir o relevo xeracional nas actividades ligadas ao rural é un dos grandes desafíos aos que se enfrontan o agro e a gandería, os dous sectores presentes no foro. A ese aspecto, Fernández explicou que «melloramos, pero queda un gran camiño por andar». No sector do agro, sinalou Amil, «está entrando moita xente nova, pero no resto teñen un gran problema co iso».