Lugo abre as súas portas ao talento audiovisual galego coa celebración dos Mestre Mateo
LUGO
Os galardóns lograron a implicación do público cunha intensa programación previa á gala e reivindican o papel da nosa provincia como creadora e tamén como plató de cine, porque ...E para comer, Lugo; pero tamén para crear, para rodar e, en definitiva, para vivir o audiovisual
21 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Dicía Lucía Veiga (A Coruña, 1979), actual presidenta da Academia Galega do Audiovisual, nunha das súas últimas entrevistas en La Voz, que o noso audiovisual ten que seguir coidando ao seu público, que se ten que sentir apelado polas producións que se fan porque sen os espectadores a industria non ten sentido. E iso precisamente é o que lograron máis que nunca os premios Mestre Mateo deste ano que, por primeira vez, inclúen un premio especial elixido polos espectadores —con máis de 2.300 persoas, superando con creces as expectativas da organización, e que recaeu no filme Antes de nós— e unha programación previa, que a Academia ten planeado traer de volta nos vindeiros anos. Grazas á unión da Academia, o Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación, a cidade amurallada converteuse durante os dous últimos meses na sede para divulgar a importancia dun sector forte, que canaliza o talento creativo e proxecta a nosa lingua e a nosa cultura.
Proxeccións das longametraxes e documentais finalistas, coloquios cos autores, protagonistas e os presentadores da gala, a lectura dos finalistas coa presenza do público e un último encontro, no salón de actos da Deputación, sobre os detalles e curiosidades do funcionamento interno do evento puxeron punto e final aos actos previos á gala dos galardóns.
Fran Fórneas e Sergio Marey, responsable do deseño de vestiario de Ferido; Fillas de Cassandra, finalistas por Hibernarse, a cantante Sabela Ramil e a directora Paula Pereira, responsable de Non cho podo dar e Nuno García Pico e Xaime Miranda, director de Ontes fun moi malo, protagonizaron a sesión sobre os videoclips finalistas, mentres que o actor Xoán Fórneas, o director Alejandro Gándara, o produtor e actor Adrián Méndez e as regueifeiras Lupe, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda estiveron presentes nos coloquios que se organizaron tras as proxeccións das pezas finalistas.
A edición máis participativa da historia
Esta 24 edición culminará este sábado, no auditorio Fuxan os Ventos, pechando así a convocatoria máis participativa da historia, que logrou máis que nunca achegar o audiovisual galego á cidadanía e facela partícipe dunha festa que saldará a súa débeda con Lugo, a única grande urbe galega que ata este ano non acollera a cita.
A propia gala, conducida pola actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez, seguirá apelando ao público, pois a Academia do Audiovisual organizará, como novidade, un espectáculo en directo para que se poida seguir a cita dende un dos escenarios do auditorio. O cómico Rafa Durán será o encargado de presentar esa función especial que incluirá numerosas sorpresas. Ademais, os asistentes poderán pasar por un photocall exclusivo e vivir de preto a experiencia da gran noite do audiovisual galego, que vai encher todas as butacas dispoñibles da súa sala principal, onde estarán os convidados e os finalistas, e a da secundaria, aberta ao público.
As máis de 200 persoas que están na lista de espera para poder ter un asento en calquera das dúas salas amosan o compromiso que manteñen os profesionais do sector, pero tamén o dos propios lucenses que non se quixeron perder as proxeccións das pezas finalistas e os encontros posteriores. Os Cines Codex, o Pazo de San Marcos, o Museo Interactivo da Historia de Lugo e o propio Fuxan os Ventos foron o epicentro dunha nova xuntanza do talento da nosa comunidade, que amosa o nivel e a calidade das producións que se fan e dun sector que conxuga experiencia, formación e o apoio dun público que non defrauda.
Talento lucense
A Deputación e o Concello reivindicaron a súa vez a Lugo como berce e referente na creación, que levan por bandeira dende fai anos os irmáns Coira, Melania Cruz, Carmen Méndez, Margarita Ledo ou Oliver Laxe e outros profesionais emerxentes como Andrea Fernández de As Neves. De feito, abundan os nomes lucenses candidatos a facerse coa estatuíña.
O director de Sirat —que lidera as candidaturas finalistas xunto coas producións Antes de nós e As liñas descontinuas— os actores Luis Tosar e Xoán Fórneas, o guionista Pepe Coira ou o grupo Grande Amore están entre os finalistas nunha gala que volve poñer o foco no papel na nosa provincia como creadora e tamén como plató de cine, como xa se demostrou en anteriores convocatorias nas que se premiaron o guión e a dirección de Rapa, a curtametraxe Pura da barallesa Carmen Méndez ou As Neves, rodada en territorio lucense. Porque ...E para comer, Lugo; pero tamén para crear, para rodar e, en definitiva, para vivir o audiovisual.
«Queríamos socializar a importancia dos Premios entre os lucenses»
A deputada de Cultura Iria Castro subliña que a celebración dos galardóns na cidade é unha oportunidade para reivindicar a provincia como centro de creación cultural.
—Que significa para Lugo acoller un evento deste calado?
—É unha gran oportunidade para recordar e recordarnos que Lugo non é periferia, somos centro de produción cultural e casa de moitas creadoras e creadores. Que os Premios non se entregarán nunca en Lugo era unha débeda do audiovisual coa cidade, e estamos orgullosas de liderar, xunto a área de Cultura do Concello, a aposta por traelos aquí.
—Este ano déuselle moita importancia ao público, á súa participación, dende a organización dos premios. Cal era o obxectivo?
—O obxectivo era socializar a importancia dos Premios e do audiovisual entre a cidadanía lucense. Non queríamos que os Mestre Mateo quedarán só na gala. Por iso deseñamos actividades que implicasen o público e, especialmente, ao estudantado do Centro de Formación Audiovisual como o grao de Xestión Cultural da USC. As proxeccións dos filmes finalistas encheron os Codex e nas actividades houbo moita participación.
—Que retos afrontou a Deputación para apoiar un evento destas características?
—Tiñamos claro que queriamos traer os Mestre Mateo a Lugo porque confiamos nas potencialidades da capital, pero sabiamos que sería un reto organizativo e orzamentario. Fixemos unha aposta económica importante, que está repercutindo na visibilidade da cidade e do audiovisual da provincia.
—Vívese con especial satisfacción que haxa candidaturas lucenses nunha edición que se celebra por primeira vez na cidade?
—A provincia está moi presente nas candidaturas finalistas este ano. Por exemplo, na categoría de videoclips, tres de catro son artistas ou equipos de dirección lucenses. Pero o audiovisual da provincia está avalado por candidaturas e premios xa nas edicións anteriores. Doghs, de Andrés Goteira, aínda ten o récord de Premios. A satisfacción é ofrecerlles a todas e todos os lucenses candidatos desfrutar da gala na súa cidade, na súa provincia e mostrarnos orgullosas do noso. Estou segura de que vai ser unha gala para lembrar no futuro.