Na primeira sesión poderase ver «Antes de nós» coa presenza do seu actor protagonista, Xoán Fórneas e da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga
09 feb 2026 . Actualizado a las 16:19 h.Lugo convértese durante varias semanas nun punto de encontro do audiovisual galego, reforzando o seu papel como cidade anfitrioa da gran noite dos Premios Mestre Mateo. Este martes arrancan na cidade as proxeccións das longametraxes e documentais finalistas da vixésima cuarta edición dos galardóns, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que forma parte das actividades previas á gala que se celebrará o vindeiro 21 de marzo no auditorio municipal Fuxan os Ventos. A primeira sesión celebrarase este martes 10 de febreiro ás 19.00 horas coa proxección da longametraxe Antes de nós nos Cines Códex.
Esta primeira sesión contará coa presenza do seu actor protagonista Xoán Fórneas e da presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, que dará a benvida aos asistentes. As proxeccións continuarán ao longo dos meses de febreiro e marzo, sempre ás 19.00 horas nos Cines Códex. O acceso será gratuíto ata completar capacidade e estarán acompañadas pola presentación dos equipos das obras e un coloquio co público, moderado pola guionista Clara Coira.
Achegar o audiovisual galego á cidadanía
O obxectivo desta programación é achegar o audiovisual galego á cidadanía e fomentar o encontro directo entre creadores e espectadores. O mércores poderase desfrutar de 360 Curvas. Asistirá o director Alejandro Gándara e o produtor e actor Adrián Méndez. O día 18 é a quenda de Ao son da nova regueifa. Asistirán as regueifeiras Lupe, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda e haberá unha actuación musical.
O 19 de febreiro chega Sirât e o 24 proxectarase San Simón. As seguintes pezas que poderán verse serán O silencio herdado (25 de febreiro), As liñas descontinuas (3 de marzo) e Deuses de pedra (4 de marzo). Proximamente confirmaranse as presentacións do resto de filmes. Ademais das sesións de cinema, a programación previa dos XXIV Premios Mestre Mateo en Lugo inclúe dous encontros abertos ao público.
O 20 de febreiro celebrarase no salón de actos da Deputación a charla Detrás dos Premios Mestre Mateo, na que os responsables de organización e prensa da gala compartirán detalles e curiosidades sobre o funcionamento interno do evento. Pola súa banda, o 5 de marzo terá lugar no Vello Cárcere un encontro cos presentadores da gala e coa persoa galardoada co Premio de Honra desta edición.