Chega a Lugo o proxecto artístico «Facedoras», de Mar Caldas: «Temos unha idea moi estereotipada do traballo das mulleres no rural»
LUGO
A artista viguesa presenta no Museo Provincial e en San Paio de Narla unha decena de retratos de mulleres da provincia dedicadas a tarefas vinculadas cos animais, como gandería, apicultura ou veterinaria
12 mar 2026 . Actualizado a las 08:33 h.Visibilizar a contribución das mulleres ás súas comunidades, desde unha perspectiva de xénero e de clase, é un dos obxectivos do proxecto «Facedoras», que a artista viguesa Mar Caldas leva desenvolvendo desde hai máis dunha década e que agora pon o foco nas gandeiras lucenses. Con Facedoras de Lugo, a recoñecida fotógrafa e artista visual presenta, no Museo Provincial de Lugo e no Museo Fortaleza San Paio de Narla (Friol), unha decena de retratos de gran tamaño de mulleres da provincia dedicadas a tarefas vinculadas cos animais, principalmente, gandería, mais tamén apicultura e veterinaria. A mostra poderá visitarse ata o 18 de maio.
O proxecto é froito do traballo de campo realizado pola autora o pasado verán e outono en concellos como A Pontenova, Guitiriz, Friol, Guntín, Castroverde, Outeiro de Rei, Castro de Rei, O Páramo, Taboada, Monterroso, Becerreá e Ribeira de Piquín. Nestas localizacións, documentou granxas de diferentes dimensións que, en moitos casos, optan pola produción ecolóxica ou a cría de razas autóctonas.
«Comecei o proxecto ‘Facedoras’ hai dez anos na vila mariñeira de Bueu, despois centreime no traballo máis agrícola das mulleres do Baixo Miño e logo veu a pandemia e paralizou todo», explica Caldas. «Quedárame pendente facer un percorrido polas granxas de Lugo, sobre o traballo das mulleres con animais. Comecei a contactar con estas traballadoras e cando a Rede Museística Provincial de Lugo soubo deste proxecto enseguida me deu total apoio e puido así materializarse», continúa a artista.
O proceso de traballo foi moi positivo: «Todas as mulleres me abriron as portas e estiveron encantadas todas de colaborar. Creo que foi o proxecto máis rodado que fixen, foi todo moi fácil polo apoio que tiven, tanto institucional como das mulleres protagonistas como de todos os colaboradores. Atopeime con xente moi aberta, e unha muller me ía levando a outra. A verdade é que foi unha experiencia marabillosa, aprendín moito porque eu, ademais, non son de zona de gando, e puiden coñecer mellor a provincia de Lugo, que é espectacular, un territorio cunha paisaxe incrible», recorda Caldas.
Mulleres moi diversas
As imaxes reflicten a diversidade de perfís de mulleres fotografadas, cuxas bagaxes van desde a herdanza familiar de saberes ata a formación académica. O proxecto documenta a incorporación de novas xeracións ao medio rural e o vínculo que estas profesionais manteñen coa súa contorna e cos animais: vacas, burros, cabalos, porcos, cans, abellas...
A través das fotografías, as protagonistas expoñen o seu traballo nun sector estratéxico para a economía, ao tempo que trasladan a súa queixa pola falta de apoio institucional e os obstáculos administrativos que afrontan no seu día a día.
O obxectivo deste traballo é, como vén sendo desde os inicios de «Facedoras», visibilizar o traballo das mulleres: «Xa non é moi visible en xeral, pero en espazos urbanos é máis visible, polo labor das obreiras, nas fábricas... Porén, no rural é moi pouco visible. E temos unha idea moi estereotipada do traballo das mulleres no rural, que non se corresponde coa realidade: imaxinamos a unha muller que ten pouco gando, maior e enloitada. Non é esa a realidade para nada, e creo que iso se demostra nas fotografías: que hai novas xeracións, que hai mulleres de mediana idade, que hai mulleres moi diversas, algunhas que veñen desta herdanza familiar de coñecementos, e outras que estudaron carreiras relacionadas co sector forestal ou veterinario e están traballando no rural», engade Mar Caldas.
Continuidade do proxecto
O proxecto «Facedoras» non remata aquí. O propio traballo de mulleres con animais terá, probablemente, segunda parte: «Gustaríame facer unha segunda parte das mulleres con animais na provincia de Lugo, pero fotografándoas na primavera, e con animais que non puiden recoller desta vez, como vacas cachenas, avicultura...», avanza a artista.
A acollida do proxecto expositivo está sendo moi positiva e esperta moito interese. O deputado Daniel García, que participou no acto de inauguración, explicou que o traballo recoñece «a realidade física, emocional e cultural das comarcas de Lugo, xa que a gandería e a agricultura son sectores estratéxicos e parte das nosas historias vitais ou familiares». Ademais, apuntou que «moitas mulleres poderán recoñecerse nas dez retratadas aquí, ou recoñecer nelas as súas nais e avoas. A terra e o gando están na árbore xenealóxica da gran maioría das persoas deste país, cuxa identidade se forxou no rural», e valorou o traballo de Caldas como unha ferramenta para «reivindicar estas actividades que as mudanzas económicas e sociais apartaron dos primeiros planos».
A Rede Museística Provincial é a institución galega que programa máis exposicións de mulleres artistas
O informe «Las Artistas, aquí y ahora», elaborado pola Asociación de Mujeres en las Artes Visuales (MAV), destaca a Rede Museística Provincial como a institución galega que programa máis exposicións de mulleres artistas, un 71,5 % do total. O estudo analiza a presenza de mulleres artistas na programación de museos e centros expositivos de toda España entre o 2020 e o 2024, onde o 34,8 % das exposicións son de mulleres, mentres que a media galega é de 36,4 %, polo que as cifras da Rede lucense son especialmente relevantes.
A xerente da Rede, Encarna Lago, lembrou que «o compromiso da Rede coa visibilidade da creación artística feminina se reflicte tamén no apoio aos comisariados femininos ou na adquisición de pezas de mulleres artistas, que están ampliando e actualizando os fondos artísticos dos museos», e destacou tamén «o traballo en proxectos de museoloxía social, especialmente dirixidos a fomentar a participación feminina na programación dos museos».
Esta mesma semana, dous novos proxectos artísticos femininos se sumarán ás salas da Rede:
· Venres 13. Museo do Mar de San Cibrao. «Á mesa con Rosalía: memoria dos saberes, memoria dos sabores». Actividade con participación das usuarias e do equipo terapéutico de AFAN Burela na que se afondará na memoria sobre a maneira de alimentarnos e de manter o territorio a partir da obra Rosalía e a cociña. A cociña galega na obra de Rosalía.
· Sábado 14. Museo do Mar. «As carolas e os autocoidados no mar de setembro», con Noemí Díaz Orol. Relatorio do programa «Encontro de saberes. Cousas Nosas», centrado na figura das carolas ou canouras, mulleres do interior da provincia de Lugo que, despois dos trafegos da terra no verán, ían tomar os baños de setembro ás praias da Mariña, para recuperar os corpos co efecto sanador do mar.