O anuncio dun plan do Campus de Lugo contra o lume súmase a outras noticias sobre a investigación da distribución de terreo agrícola e forestal en Europa ou a participación de dous lucenses no deseño dun videoxogo de puzzles en 3D como Traballo de Fin de Grao. O conxunto destas accións pode semellar illado ou de mera coincidencia, mais a suma fálanos da importancia dos estudos superiores e da súa implicación coa contorna nun sentido aberto á ciencia e aos cambios sociais.
A ninguén se lle escapa a relevancia de que o forestal, o agrario e o gandeiro ocupen un lugar preeminente na especialización do noso campus. É o xeito de que as investigacións poidan responder ás nosas necesidades, aos requerimentos dun contexto específico. Velaí os estudos que poidan deseñar un plan eficaz de loita contra o lume atendendo ás nosas condicións particulares e coñecendo as interaccións entre actividade agrícola e forestal no conxunto de Europa. E, asemade, cómpre estar na vangarda tecnolóxica que, de modo global, está a mudar a nosa sociedade e modelará o noso futuro.
Lugo enfronta desafíos no presente e ábrese a un futuro en cambio. Aproveitar as oportunidades dependerá de saber conxugar o respecto ao que somos cunha aposta clara polo coñecemento e a investigación. O coidado e preservación do territorio ten que convivir co avance tecnolóxico e científico; a pervivencia da nosa identidade co feito de ter unha voz propia na polifonía global dun século de transformación. O futuro de Lugo escríbese hoxe entre a terra, o laboratorio e a aula, porque cando a ciencia mira á contorna e o aprezo ao propio e o coñecemento se transmiten, cámbianse as lóxicas do que é centro e periferia. E Lugo pode ser espazo de referencia.