Cocido

Xulio Xiz LUGO / LA VOZ

LUGO

24 feb 2025 . Actualizado a las 18:10 h.

Otero Pedrayo considerou «sol do fumeiro» ao glorioso xamón, e a inspiración chegoulle en Monterroso para escribir o maxistral poema que consagra ao «Papa das carnes» como «Rei da lareira». Pero o que preside agora as mesas lucenses é o cocido, que nos goberna os padais desde o remate do Nadal ata a Coresma e máis aló.

Hai quen se queixa de que leva menos costela e soá ca antes, e eu esquézome delas e doutros adobíos tradicionais ou non, sempre que leve cachelos, garavanzos, grelos, chourizos, lacón e botelo. E o botelo ten que ser da Fonsagrada para ter paz con Manuel Curiel e coas miñas ansias.

Levo uns cantos cocidos, e fáltanme outros tantos en laxo cumprimento do meu réxime, pois cando fago medición de niveis sintomáticos o cocido ofrece cifras semellantes ao pescado á prancha, a saber por que esforzo inconsciente do meu sistema vital.

Onte tocou cocido familiar, cerimonia anual que nos xunta a case medio cento de crentes na bondade de xuntarnos para celebrar a vida, e agradecer á descoñecida inventora —tivo que ser muller— da conxunción harmónica de tan diversos elementos nunha fermosa realidade.

Se en tempos o cocido era xantar económico, foi poñéndose polas nubes, e agora é máis asequible unha mediana mariscada ca un bo cocido, pero devotos do carpe diem, impoñémonos o costume de manter a cadea como se rómpela fose causar unha desgraza.

Tendo á vista o antroido, coa coresma por diante, que cada quen respecte as abstinencias que profese, e os que temos o cocido por bandeira —co polbo, o capón, e o que se tercie— subamos aos tesos cumes e baixemos as abisais fonduras do saber do sabor, e que non nos pase nada (malo).