As estradas esquecidas do Courel: «Seguimos igual ou peor que despois dos incendios do 2022»

Iria D. Pombo / M.G. O COUREL / LA VOZ

LUGO

As estradas do Courel aínda están sen rozar. As aldeas máis afastadas do núcleo do Concello, coma Teixeira, son as que presentan un maior grao de abandono nas súas vías. De feito, en moitas delas nin sequera se dan visto os sinais de tráfico
As estradas do Courel aínda están sen rozar. As aldeas máis afastadas do núcleo do Concello, coma Teixeira, son as que presentan un maior grao de abandono nas súas vías. De feito, en moitas delas nin sequera se dan visto os sinais de tráfico I.D.P.

As pistas e vías da montaña aínda están sen desbrozar. A veciñanza do Courel protesta polo abandono das estradas e alertan dos perigos que pode ocasionar a acumulación da maleza que medra dende o ano pasado

27 ago 2024 . Actualizado a las 17:03 h.

As ortigas, as silvas, os fentos e demais plantas de ramas enroscadas medran nas cunetas das estradas a ritmo de eucaliptos. Incluso é posible distinguir algún plástico enraizado na flora da maleza que prolifera na montaña de Lugo. As estradas que conectan Lugo, ou Sarria, ou Samos, ou Pedrafita, ou Triacastela co Courel aínda están sen limpar, puidendo ocasionar un grave perigo para os vehículos, dado que os tallos e os matoxos invaden o lugar de paso. Nalgunhas curvas poden chegar a ocupar preto de 3 metros das, de por si estreitas, estradas.

Ir dende a aldea de Teixeira do Courel até Seoane supón unha auténtica odisea. Xa nin falar de conducir até Folgoso, pois ao mal estado das cunetas súmanselle as obras de ensanchamento da calzada entre Seoane e a Ferrería Vella. Os menos de 15 quilómetros que separan ambas localidades vense sumerxidos nunha chea de vexetación que tingue a luz de cor verde e tapa os sinais de tráfico. «Isto está que parece unha selva», expresa unha veciña de Teixeira. Pero ollo, estamos en pleno agosto, e para moitos a sombra das cunetas non é necesaria.

A alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, indica que «a empresa contratada este ano está desbozando as entradas municipais, e co tractor do Concello estamos rozando as pistas de terra». O consistorio courelao ten na súa propiedade maquinaria para estes traballos, e a maiores subcontratan a unha empresa especializada para elo, pero esta «non cumpre co estipulado e non está facendo o que toca», segundo Courel Vivo.

A acumulación de maleza nas estradas tapa os sinais de tráfico en todo O Courel
A acumulación de maleza nas estradas tapa os sinais de tráfico en todo O Courel I.D.P.

A FLORA AUTÓCTONA DAS estradas

«A principal ten a titularidade da Deputación, e non a rozaron aínda. O mesmo coas que pertencen ao Concello de Folgoso», indica Orlando Álvarez, voceiro da organización SOS Courel. «Agardan a rematar o mes de agosto para desbrozar, de xeito que só se fai unha vez ao ano, aproximando o perigo», engade. Ademais, hai puntos nos que, segundo a veciñanza, a Administración «pon excusas para non vir rozar». Óscar Carrete, voceiro do grupo municipal de Courel Vivo, fala das rutas do ourego. «Onde o cruce de Vilela a veciñanza adoita apañar ourego para utilizalo nas matanzas no adubo, previo ao inverno, entón esa zona estana deixando a monte por ese motivo», bromea Carrete.

Con todo, as estradas e as pistas non son as únicas nas que prolifera a maleza. As rutas de senderismo máis coñecidas, tamén. Na Devesa da Rogueira ou en Pía Paxaro, entre outras, dúas das xoias ecolóxicas da Serra do Courel, as plantas medran a gran velocidade e sen coidados. Desta forma, tamén aumenta o número de insectos e parásitos. «O outro día foi grupo de turistas a Rogueira e un deles saíu con 30 carrachas polo corpo», afirma un veciño da Ferrería Vella. Ademais, a aldea do Vilar, queimada completamente no 2022, é outra das afectadas. Orlando Álvarez asegura que a ruta do Castro de Vilar está pechada, dado que a maleza acumulada impide o seu paso. «Non hai máis que vir aquí e velo», afirma.

Moitas das cunetas do Courel aínda están sen desbrozar, o que provoca numerosas queixas de veciños. En Vilela unha parte delas mantense a monte
Moitas das cunetas do Courel aínda están sen desbrozar, o que provoca numerosas queixas de veciños. En Vilela unha parte delas mantense a monte I.D.P

NON HAI PREVENCIÓN DE INCENDIOS

O verán do 2022 estivo marcado polas lapas que ateigaron a Serra do Courel e arrasaron 11.100 hectáreas en total. Pola súa extensión e a súa duración, de 14 días, o da comarca de Quiroga consagrouse coma un dos incendios forestais máis graves da historia de Galicia. Pero dous anos despois o balance dos danos resulta incongruente. «A nivel de prevención de incendios non se fixo nada nin se está a facer. Seguimos igual ou peor que despois dos lumes do 2022», lamenta Orlando Álvarez.

«Tanta herba, tantas uces e tanto matorral sen limpar son un perigo. No Courel non se xestiona en biomasa»

Se ben é certo que o monte tarda arredor dun lustro en volver arder, dado que as uces que naceron aínda son novas, hai puntos nos que xa se rexistrou algunha lapa. «Estes días houbo un pequeno incendio na aldea de Mirad, nada moi grave, pero que evidencia o estado de perigo no que vivimos», sinala Óscar Carrete, de Courel Vivo. En plena vaga de calor, a herba quece e a mediados de agosto xa está máis delicada, «polo que á mínima que lle dea un chispazo, nin siquera unha colilla, prende o lume coma nada», explica.

Para a organización ecoloxista SOS Courel, que os preto de 200 quilómetros cadrados de superficie que ten o Concello de Folgoso carezan dun sistema de desbroce eficiente é unha porta aberta á destrucción do ecosistema da serra. «A Xunta, que é un ente superior que nos debería de protexer, pasa de todo. Despois dos incendios non fixo nada por nós», expresa Orlando Álvarez. «Non hai prevención, non hai un plan de vida socioeconómico que nos permita vivir aquí», sentencia Carrete. Neste sentido, as protestas veciñais nas redes son constantes e contundentes, pero non hai unha asociación forte entre aldeas por medo a posibles represalias. «Coma sempre, até que veña o rojo e o teñamos metido na cama», ironiza Álvarez.

as medras DA MALEZA

No Courel conviven as tres diferentes titularidades das vías. É dicir, hai estradas que son competencia do Concello de Folgoso, outras da Deputación de Lugo e outras da Xunta de Galicia. Para a limpeza das vías públicas, as institucións subcontratan a empresas do sector, pagando arredor de 280 euros o quilómetro desbrozado. «Dende o Concello din que non teñen medios para limpar as vías que lle pertencen, pero a Deputación cédelles tractores e maquinaria para elo», indica Óscar Carrete (Courel Vivo).

Segundo a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, por moitas das estradas asfaltadas aínda non pasou a desbrozadora «porque que tivo que parar por estropearse unha máquina», segundo explica a alcaldesa. Dende o Concello aseguran que os traballos de desbroce hanse de retomar na vindeira semana. No derradeiro pleno municipal, a oposición encabezada por Courel Vivo expuxo as súas queixas ante a tardanza desta actividade, «algo que debría ter sido feito en maio ou en xuño». Pola súa banda, a alcaldesa recoñece que «este ano van con moito retraso», pero que as aldeas de «Noceda, Moreda, Céramo e Campelo xa están desbrozadas».

Por outra parte, dende a Deputación de Lugo non deron ningunha explicación a La Voz. Nese sentido, a alcaldesa do Courel afirmou que o principal órgano institucional lucense «deixou deserto o concurso para a empresa de desbroce, e tivo que volver licitalo».

A acumulación de herbaxos, silvas, ortigas, etcétera, nos camiños non é unicamente culpa de non pasar a máquina rozadora. O éxodo rural e o envellecemento da poboación son dous factores importantes neste conglomerado. A Galicia baleirada sofre dunha perda importante de gando, quen contribuía á limpeza dos camiños e vías pecuarias mediante a súa alimentación. «Antes, cando se daban estas situacións, era a veciñanza quen limpaba todo, levando as vacas a pastar por determinados lugares para ilo limpando», lembra Óscar Carrete. Hoxe isto acabouse no Courel e en moitos outros puntos da montaña, onde a poboación diminúe e non se fomenta un plan de vida estable para as novas xeracións.