suso varela
Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar novos petróglifos no concello de Castroverde. Foi na parroquia de Rebordaos, a 615 metros de altitude. O historiador Xabier Moure sinala que na parte alta e horizontal dunha pedra gravouse unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central; e a metro e medio da anterior insculpíronse tamén tres cazoletas.
Moure explica que a súa localización foi posible grazas a un documento do ano 1708 facilitado por Hugo Pardo-Vivero Vilares no que un seu antepasado, o escribán Joseph Pardo y Vivero, redacta unha escritura a petición duns veciños de Rebordaos e Serés para o uso de terreos e regadíos situados na confluenza das dúas freguesías, citando a pena cos petróglifos, que actuaba como marco, como A Pedra Marcada de Anguiero. «Unha vez máis evidénciase a importancia da documentación antiga para localizar xacementos arqueolóxicos», explica o historiador do colectivo patrimonial.