Documentan novos petróglifos en Castroverde

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

CASTROVERDE

Dous círculos concéntricos e unha coviña central nos petroglifos atopados en Castroverde
Dous círculos concéntricos e unha coviña central nos petroglifos atopados en Castroverde PATRIMONIO DOS ANCARES

O Colectivo Patrimonio dos Ancares atopounos grazas a un documento de 1708

08 abr 2021 . Actualizado a las 11:43 h.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar novos petróglifos no concello de Castroverde. Foi na parroquia de Rebordaos, a 615 metros de altitude. O historiador Xabier Moure sinala que na parte alta e horizontal dunha pedra gravouse unha combinación de dous círculos concéntricos con coviña central; e a metro e medio da anterior insculpíronse tamén tres cazoletas. 

Moure explica que a súa localización foi posible grazas a un documento do ano 1708 facilitado por Hugo Pardo-Vivero Vilares no que un seu antepasado, o escribán Joseph Pardo y Vivero, redacta unha escritura a petición duns veciños de Rebordaos e Serés para o uso de terreos e regadíos situados na confluenza das dúas freguesías, citando a pena cos petróglifos, que actuaba como marco, como A Pedra Marcada de Anguiero. «Unha vez máis evidénciase a importancia da documentación antiga para localizar xacementos arqueolóxicos», explica o historiador do colectivo patrimonial.

Tanto as combinacións de círculos concéntricos como as coviñas, ao tratarse dunha arte simbólica, di Moure, «son para nós de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os gravaron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible para determinados membros daquela sociedade, hai máis de 4.000 anos. Quizais delimitaran espazos sagrados ou máxicos relacionados con algún tipo de ritual».

Tres cazoletas do grupo de petroglifos atopados en Castroverde
Tres cazoletas do grupo de petroglifos atopados en Castroverde PATRIMONIO DOS ANCARES

Este é o terceiro grupo de gravados rupestres ao aire libre localizados no concello de Castroverde polo colectivo Patrimonio dos Ancares. «En xaneiro do 2018 documentamos unha pena con coviñas e un cruciforme no monte da Devesa, parroquia de Páramo, e en maio de 2020 unha pena con coviñas nas inmediacións do castro de Rebordaos, que despois da súa comunicación a Patrimonio xa procederon á súa catalogación e inclusión no Inventario de Bens Culturais de Galicia».