








O barrio loce máis tralo arranxo da Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo
11 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O barrio do Carme loce máis limpo, coidado e bonito ao paso da Vía Romana XIX e o Camiño Primitivo. As dúas rutas históricas que discorren pola zona sufriron un lavado de cara no que o goberno de Lara Méndez investiu algo máis de 200.000 euros.
Un intenso traballo de roza e unha limpeza a conciencia dos balados sacou á luz toda a beleza dos dous camiños que cruzan a valgada. Dúas vías que se recuperaron e puxeron en valor coa mellora dos pavimentos, a canalización de regatos que durante o inverno as convertían en impracticables e a colocación dunha rede de alumeado a poucos centímetros do chan que engade certa maxia aos trazados, ademais de convertelos en máis practicables.
A colocación de varandas de madeira en puntos estratéxicos tamén outorga unha imaxe máis coidada á zona, na que se revestiron as escaleiras que comunican a Rolda do Carme co remate da Vía XIX. Recolocáronse bloques pétreos e colocáronse paneis indicadores que permiten ao visitante saber algo máis da vía pola que discorre. Unha vía que onte máis dun cento de veciños coñeceron máis a fondo grazas ás explicacións do guía Guido Álvarez, encargado de dirixir a visita que o goberno local organizou para celebrar o remate das obras.