«No 58 querían facer no Carme un residencial 'envidia de toda España'»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIUDAD

ALBERTO LÓPEZ

Suso Pérez, dono dunha parcela no barrio, lembra os tempos bos dunha zona para a que agarda unha saída

12 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Suso Pérez naceu en Recatelo pero dende ben pequeno acudía cada pouco ao barrio do Carme coa súa tía avoa. Alí tiña unha horta de aromáticas e herbas medicinais que era a envexa de medio Lugo. «Daquelas o barrio estaba cheo de xente, agora impresiona», di este lucense propietario dunha finca no lugar. El é un dos moitos veciños que non comprende como un barrio tan céntrico pode levar décadas languidecendo á espera de que entre administracións e propietarios lle dean unha nova vida.

En tempos pretéritos, conta, aquelas terras foran propiedade do clero e estaban atravesadas polo chamado Regueiro das Hortas, que regaba toda a ladeira e convertía as terras en fértiles a pesar de que non eran augas limpas. «As señoras ían pasar as tardes ás hortas, que daban verzas e leitugas ben grandes», lembra Suso da década dos 60. Hoxe, daqueles verxeis non quedan nin a metade, e os que sobreviven fano na parte baixa da ladeira, ao igual cós invernadoiros.

A pesar da súa situación privilexiada, o barrio do Carme leva máis de medio século agardando por un futuro que se lle nega. «No ano 58 meu pai acudiu ao Concello para pedir un permiso para edificar na finca e dixéronlle que non llo podían dar porque no barrio ían facer un ‘un proyecto residencial que va a ser la envidia de toda España'». Pero ese macroproxecto que se quería poñer en marcha en pleno franquismo nunca viu a luz e nas décadas seguintes a zona comezou a experimentar o declive.

«Realmente non o entendo, é un barrio ben bonito, está xusto ao lado da Muralla e atravesado polo Camiño Primitivo. En calquera cidade estaría ben coidado e cheo de vida», laméntase Suso, que agarda que algún día, ben sexan os veciños, ben sexan as administracións a través do plan Muramiñae, empurren para devolver á vida ao Carme.

Consideran os expertos que o barrio do Carme ten unha importante riqueza arqueolóxica. Crese que alí estivo o anfiteatro romano e que unha investigación profunda podería sacar á luz máis riqueza histórica. Isto limita o desenvolvemento urbanístico da zona, e tamén as iniciativas dos propios veciños. «O barrio está hoxe que nin arre nin xo, non che deixan poñer un ladrillo nin montar un galiñeiro», lamenta Suso.

Hai anos, cando quixo limpar de maleza unha das súas fincas, atopouse con que precisaba tirar un anaquiño dun muro para acceder ao terreo. «Cando o operario foi a sacar o permiso dixéronlle que non podía, que os muros de pedra que rodeaban as hortas podían estar feitas coas pedras do anfiteatro», conta como anécdota.

E así, atrapado entre a historia, o abandono e os proxectos pendentes, segue O Carme. Agardando a súa oportunidade.