Música, libros e memoria para vivir os museos de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Carmen Penim dará un concerto no Museo Provincial de Lugo
Carmen Penim dará un concerto no Museo Provincial de Lugo Tere Freiría e JL Ramilo

A Rede Museística e os museos da cidade celebran a súa efeméride, mentres seguen os actos sobre Xela Arias

17 may 2021 . Actualizado a las 11:23 h.

O Día dos Museos, que se celebra o martes 18, e as Letras Galegas, dedicadas o luns a Xela Arias, son as dúas grandes efemérides que marcan a axenda cultural desta xornada.

A Rede Museística Provincial remata o martes 18 unha semana de actividades dedicadas á festa dos museos, que desenvolven baixo o lema O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar, e nas modalidades presenciais e dixitais. É necesario inscribirse en comunidadermpl@gmail.com.

As actividades comezarán ás 10.00 no Museo do Pazo de Tor, onde terá lugar «Unha xornada palaciana: pasado, presente e futuro da vida dos pazos galegos. Os casos de Tor e Meirás». Nela abordarase a dimensión histórica e cultural dos pazos, e os aspectos patrimoniais, museolóxicos e sociais, a través da exposición da historia dos pazos de Tor e Meirás. Participan os historiadores Pegerto Saavedra Fernández e Antonio Presedo Garazo e Manuel Monge e Carlos Babío, impulsores do movemento cívico para a recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público. Ao rematar, ás 14.00 horas, terá lugar a experiencia educativa e reflexiva «Sementando galego».

Iria Fafián impartirá un obradoiro de ilustración
Iria Fafián impartirá un obradoiro de ilustración CESAR QUIAN

En canto ao Museo Provincial de Lugo, acollerá un obradoiro de ilustración con Iria Fafián, con versión en liña, de 17.00 a 20.00 horas. Está dirixido a familias, orientado a estimular a creatividade e a colaboración cun exercicio sinxelo e divertido sobre deseño de personaxes. Tamén terá lugar, ás 11.00, «Imaxinando ás escuras», unha visita sensorial co colectivo ONCE de Galicia. A partir das 20.00 horas será a presentación do libro catálogo «Eu..., ti..., elas..., nosoutras, vosoutrxs... en rede», que recompila as propostas vinculadas á igualdade e á diversidade desenvoltas pola Rede.

Os actos rematarán con música, ás 20.30 horas no Museo Provincial, co concerto de Carmen Penin.

Pola súa banda, as salas museísticas municipais de Lugo tamén se suman ao Día dos Museos. Segundo anunciou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, os distintos museos municipais agasallarán libros procedentes do fondo bibliográfico municipal ás dez primeiras persoas que se acheguen a cada unha das instalacións.

Tamén Xela Arias seguirá sendo protagonista estes días da axenda cultural lucense. O Colectivo Egeria acaba de publicar o libro Aquela nena de Sarria, sobre os anos sarriáns e lucenses da autora homenaxeada nas Letras Galegas. A obra forma parte do proxecto do mesmo nome, composto por web, exposición itinerante e catálogo. O libro, que amplía os contidos da exposición con outras diversas informacións, conta con poemas e debuxos de medio cento de estudantes dos institutos de Sarria (coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey), poemas de autores sarriáns actuais, e das escritoras «compañeiras de viaxe» de Xela, os primeiros traballos coñecidos da autora, e colaboracións de Xaime Félix López Arias, que foi cronista de Sarria e gran amigo da familia, e Asunción Fernández Puentes (Siña), directora do Colexio Fingoi. Recolle tamén textos de Avelino Pousa Antelo, Valentín Arias, Amparo Castaño, Lois Arias Castaño, Darío (fillo de Xela) e «vilariñas» dos membros de Nova Poesía Guitírica. Nas 184 páxinas da obra, da que son responsables Antonio Giz e Xulio Xiz, teñen un especial papel as fotos da nenez de Xela facilitadas pola familia Arias-Castaño, en base ás que a pintora e profesora lucense Sabela Arias fixo unhas recreacións que lle dan ao libro e ao resto das accións do proxecto un carácter xuvenil, acorde coa primeira etapa vital de Xela.

Por outro lado, o centro cultural O Vello Cárcere de Lugo pódese ver con quendas especiais para visitas por libre, ás 11.15, 12.30, 17.15 e 18.30 horas. Ademais, a súa programación de obradoiros ten como protagonista, nesta ocasión, a Xela Arias: Pequeviñetistas, un taller de iniciación ao cómic para nenos de 10 a 12 anos, ás 17.30; e á mesma hora, Minirrelatos do Cárcere, de animación á escrita e á narración oral infantil, para nenos de 6 a 9. Son de balde, previa inscrición no 982 297 195.

Ademais, emitirase unha nova entrega da serie Outras voces para as letras de Xela. Será por YouTube e redes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ás 20.30 horas.

Por outra banda, seguen os actos do Arde Lucus Cultural, nesta ocasión, con formato en liña, nas redes sociais oficiais do Arde Lucus, cos seguintes temas: «Segredos do gineceo. Un revelador achegamento ós símbolos sexuais da antigüidade» e «O encargo de Tulia: elaboración de vestimenta romana».