Os museos da Rede Museística de Lugo como centros de memoria

LUGO

Artistas e colectivos lucenses no Thyssen no 2017 cando presentaron «Espazo da memoria».
Artistas e colectivos lucenses no Thyssen no 2017 cando presentaron «Espazo da memoria». CEDIDAS

O Día Internacional do Museos, o 18 de maio, serve para lanzar proxectos sobre o pasado, o presente e o futuro

15 may 2021 . Actualizado a las 11:43 h.

A Rede Museística Provincial, dependente da Deputación de Lugo, cumpre o vindeiro mes 15 anos. Desde os seus inicios apostou por unha programación que sempre tivo como obxectivo primordial e como eixe principal ás persoas.

Pero tamén os catro museos (Provincial, Pazo de Tor, San Paio de Narla e Museo do Mar) ademais de adaptarse ás peculiaridades da súa contorna e do seu propio discurso expositivo, serviron como centros de memoria colectiva, espazos sobre a historia non contada, museos para reflexionar sobre o noso pasado e buscar fórmulas de convivencia de cara ao futuro. E quizais, o máis importante, leváronse a cabo centos de actividades e exposicións contando sempre coa comunidade, xa sexa a artística como a social e educativa, tecendo unha rede que transcendeu o meramente cultural. 

Catro proxectos

Precisamente sobre estas ideas baséanse este ano as actividades que a Rede Museística -que dirixe Encarna Lago, e que depende de Vicepresidenta da Deputación, que dirixe Maite Ferreiro- promoveron con motivo do Día Internacional dos Museos, baixo o lema: «O futuro dos museos: recuperar e reimaxinar». Onte sábado arrincaron en San Paio de Narla coa presentación de catro proxectos que poñen en práctica o lema deste Día Internacional dos Museos como liña de xestión da Rede Museística Provincial nestes 15 anos de traxectoria.