Comeza un programa de ocio acuático en áreas fluviais da provincia

La Voz LUGO

LUGO

Os mozos gozan cada ano coas actividades fluviais
Os mozos gozan cada ano coas actividades fluviais

Trátase dunha iniciativa da Deputación para a mocidade

21 ago 2020 . Actualizado a las 18:31 h.

Comeza un novo programa de ocio acuático en áreas fluviais da provincia, promovido desde a Deputación para a mocidade. Trátase de actividades gratuítas de lecer adaptadas á nova normalidade, para promocionar o turismo interior e de natureza. Inclúen actividades acuáticas de kaiak, paddle surf, inchables e outros xogos en contornas fluviais dos concellos da Pontenova, Alfoz, Trabada, Guitiriz e Navia de Suarna. Cada xornada durará tres horas e poderán participar maiores de 6 anos, que disporán dun coordinador e seis monitores encargados de dirixir e supervisar.

A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que a situación sanitaria provocada polo covid-19 «obríganos a reinventarnos moitas veces e a adaptar á nova normalidade as actividades que viñamos facendo ata o de agora para preservar o máis importante, que é a saúde pública. Podemos seguir saíndo e dinamizando o turismo, a economía e o emprego, pero doutra maneira. Iso foi o que fixemos na Deputación coas actividades de lecer en espazos fluviais». Este verán, engadiu «ofrecemos de novo esta alternativa de lecer para promocionar o turismo interior e de natureza, pero aplicando todas as medidas de seguridade establecidas e recomendadas polas autoridades sanitarias. Todo para que se poidan desenvolver minimizando riscos, con todas as garantías posibles».

A inscrición pode facerse unha hora antes do inicio de cada actividade ou chamando ao teléfono 636 504 155. Os interesados en obter máis información poden facelo en www.deputacionlugo.gal.

Para garantir a seguridade fronte ao covid-19, aplicarase un rigoroso protocolo de prevención coas medidas establecidas polas autoridades sanitarias. A participación será por grupos cun aforo reducido de 10 persoas, que rotarán polas diferentes actividades e acompañados sempre do mesmo monitor. Contarase coa presenza dun axente anti-covid para controlar as medidas preventivas e a desinfección do material da zona. Antes do inicio, tomarase a temperatura, entregaranse máscaras e tomaranse datos dos participantes, que disporán de hidroxel e auga con xabón para a hixiene de mans. Todo o persoal irá previsto cos EPIS correspondentes e as zonas estarán delimitadas con circuítos de entrada e saída.

O programa de actividades é o seguinte:

· Navia de Suarna, praia fluvial. Sábado 22, de 16.30 a 19:30 horas.

· Guitiriz, Parga. Domingo 23, de 16.30 a 19:30 horas. E domingo 6, de 16.00 a 19.00.

· Alfoz, área recreativa de Carballido (A Naranxa). Luns 24, de 16.00 a 19.00.

· A Pontenova, Pozo da Ola. Xoves 27, de 16.00 a 19.00.

· Trabada, Ría de Abres. Domingo 30. De 15.00 a 18.00.