O sector agrario esíxelle a Medio Rural un asesoramento competitivo

Distintas entidades e actores asinan un documento a favor deste servizo


Lugo / La Voz

Medio Rural eliminou o programa de asesoramento gandeiro, unhas axudas que viron a luz o ano pasado. Ao cabo duns días e en base ás alegacións dunha forte parte do sector, decidiu replantealas posto que forman parte da política básica da PAC. Sin embargo, quedaban algúns interrogantes sen resolver. Os gandeiros descoñecen cando será a próxima convocatoria, e se as axudas están aseguradas durante cinco anos máis. O orzamento era de tres millóns de euros por convocatoria, unha cifra tampouco asegurada para a próxima.

Pola súa parte, Medio Rural responde que a vindeira convocatoria das axudas de asesoramento sairá no ano 2020, nos mesmos termos que na pasada. O prazo máximo será ata o 2021 e en canto se vai haber convocatoria no ano 2022, todo dependerá do programa operativo do PDR, tal e como explicou a Xunta, que tamén asegura que o orzamento «será similar» ao da vindeira convocatoria.

O sector agrario presentou a Medio Rural un escrito en defensa do servizo de asesoramento e xestión que realizan máis de 70 entidades en todo o territorio e que representa «o único punto de conexión permanente entre as explotacións gandeiras e agrarias e as novas técnicas e sistemas de traballo».

O texto nace da indignación do sector despois de coñecer a intención de Medio Rural de eliminar o servizo de asesoramento do PDR. Dende entón, máis de 20 entidades de aconsellamento e xestión, a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Lugo, Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Galega de Cooperativas Agrarias, Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e outros actores clave no sector, ademais doutras asociacións, firmaron un documento manifestando o seu desacordo coa eliminación dun servizo necesario para o desenvolvemento competitivo do sector agrogandeiro galego.

O texto pon énfase na importancia do servizo de asesoramento para máis de 3.000 explotacións galegas e con el solicítase a Medio Rural varias medidas:

  1. Modificación da proposta de eliminación da medida para manter os importes e servizos descritos no PDR dende 2015.
  2. A convocatoria dunha nova orde de axudas para o ano 2019.
  3. Unha reunión de urxencia co conselleiro de Medio Rural para a rectificación da proposta de eliminación da medida.

Os gandeiros e distintos actores pretenden así iniciar un diálogo ca Consellería de Medio Rural para participar no deseño actual e futuro do servizo de asesoramento, para melloralo e preparalo de cara aos novos retos do sector.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O sector agrario esíxelle a Medio Rural un asesoramento competitivo