Fraguas e a súa pegada no Lugo dos 50

Adolfo de Abel Vilela, que presentou un libro esta semana sobre o autor homenaxeado nas Letras Galegas, explica a presenza do historiador na capital lucense


LUGO

No mes de outubro de 1950, Antonio Fraguas Fraguas (1905-1999), chegou a Lugo para exercer o ensino no Instituto Nacional Masculino de Enseñanza Media, que tiña sen titular a cátedra de Xeografía e Historia por ter falecido o 20 de decembro de 1947 o seu amigo da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, Primitivo Eligio Rodríguez Sanjurjo. Fraguas conseguiu a cátedra no segundo intento en abril dese ano despois de que o suspenderan nas oposicións convocadas en 1942 por consideralo non adicto ao Momento Nacional a pesar de telo o tribunal para o número 2.

O ano 1950 comezaba para os galeguistas coa magoa do falecemento en Bos Aires de Castelao, que fora o seu profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra. Comunícallo por carta Ramón Otero Pedrayo o 10 de xaneiro: «Estamos hoxe doídos e tristeiros co pasamento do noso Castelao. A morte foi as once da noite do sábado 7. O domingo foi o enterro impresoante de

xente e froles, un dos meirandes que se viron en Bos Aires asegun din cables que eu recibo. Co istas emociós anda un espremido de todo. Que teña bon xaneiro, o mes que determina o primeiro anaco do ano».

Ese «primeiro anaco do ano» era un anuncio premonitorio para os dous pois foi o que determinou que chegaran á meta das súas aspiracións académicas, Otero a cátedra de Xeografía e Historia da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago e Fraguas a do Instituto de Lugo.

As casas nas que viviu

Fraguas colleu o Freire diante da clínica do doutor Echeverri na rúa de Senra en Santiago e chegou Lugo a praza de Asturias, a estación de autobuses da época. A pousada quedaba próxima pois nun primeiro momento viviu só no Hospedaje Paramés; que estaba no número 28 da rúa de José Antonio Primo de Rivera, a antiga de Manuel Becerra, e actual rúa do Progreso, nome que tiña desde 1871 en honor do tren que chegou en 1875.

A partir de 1956, en que a súa dona Teresa Martínez Magariños vén para Lugo trala morte da nai de Fraguas ocorrida o 25 de agosto de 1955, viviron en Xeneral Tella, nº 4, 2º, actualmente a rúa leva o nome dun amigo seu e correlixionario do Partido Galeguista, Avelino Pousa Antelo, no barrio de Recatelo, e nas inmediacións do parque de Rosalía de Castro e do Instituto. Despois o matrimonio trasladouse á rúa de Bispo Izquierdo, nº 7, 2º, na actual praza do Campo do Castelo. O nomenclator lucense da época estaba dedicado a falanxistas, militares, santos e bispos. De maneira que a Fraguas «galleguista separatista de la rama católica»; segundo reza nun certificado de «buena conducta» a casualidade proporcionoulle ao fundador da Falange, a un militar franquista e a un bispo do século XVIII.

Labor docente

Comezaba para Fraguas unha década que supuxo a liberdade, a normalización da súa vida académica, cultural e social, e para Lugo a etapa de ouro do seu desenvolvemento en sentido amplo.

Na década dos 50 Lugo tivo unha grande actividade de obra pública, fundamentalmente infraestruturas sanitarias, educativas e administrativas. No plano industrial de 1951 a 1956 construíuse Frigsa. Esta industria, Abella e o sector da construción proporcionaron postos de traballo ocupados por xentes procedentes na súa maioría do medio rural que se estableceron en novos barrios de fóra das murallas.

O feito de que Otero Pedrayo e Fraguas conseguiran as cátedras era un signo de que o Réxime comezaba a afrouxar, aínda que el non tiña resoltos os trámites da súa depuración, cando tentou ser secretario do Instituto. Non só comezaba a normalización da súa vida académica, senón tamén o seu recoñecemento intelectual e do seu labor no estudo de temas relacionados con Galicia, pois non outra cousa foi o nomeamento de académico numerario da Real Academia Galega, da que xa era membro correspondente, na sesión do 19 de abril de 1951, promovido polo deán de Santiago, Salustiano Portela Pazos, cotobadense como Fraguas.

O novo catedrático chega a Lugo en plena madurez persoal, ten 45 anos, e intelectual, e cunha gran experiencia docente, 22 anos, tanto no ensino universitario na Facultade de Filosofía e Letras de Santiago, como no medio, Colexio Subvencionado da Estrada, e privado nas academias Gelmírez e Menéndez y Pelayo.

Para os alumnos a presenza de Fraguas no Instituto foi unha novidade pois o trato persoal era diferente aos dos outros profesores, pois como dixo un alumno «estaban sobre un pedestal»; o mesmo que o seu método de ensinanza, tanto pola súa amenidade como por sacalos fóra da aula para dar unha lección ou catalogar os castros e as mámoas que había na contorna da cidade, como xa fixera antes cos da Estrada.

Esta pedagoxía valeulle ser colaborador do Centro de Orientación Didáctica do Ministerio de Educación Nacional. Tamén deu as conferencias da inauguración dos cursos 1951-1952 e a do 1957-1958; a da festividade de Santo Tomás de Aquino en 1953. Foi xefe de estudos e secretario do Instituto, delegado do Curso

preuniversitario e dos estudos nocturnos participando como vogal inspector en varios tribunais das revalidas e de oposicións.

Labor cultural e intelectual

Por ser un persoeiro coñecido nos medios académicos e culturais da cidade axiña se integrou nos círculos intelectuais, culturais e relixiosos, participando nas actividades promovidas polas delegacións provinciais do Ministerio de Información y Turismo e do Ministerio de Educación Nacional, como concursos literarios, dos que conseguiu premio no II e no VI Certamen Literario de Lugo, festas da poesía, conferencias e na organización dos dous primeiros Cursos Universitarios de Primavera.

Home moi relixioso, devoto da Virxe dos Ollos Grandes e do Santísimo Sacramento, ía á catedral todos os días, axiña o nomearon membro da Comisión de Arte Sagrado; da diocese. O 27 de marzo de 1953, o mesmo ano no que se estreaba a imaxe do Cristo do Perdón, é probable que Fraguas fose o primeiro pregoeiro da Semana Santa lucense, creada e consolidada entre as décadas dos anos 40 e 50 do século pasado dentro do contexto político-relixioso do Nacional Catolicismo, pois antes só existía a confraría do Santo Enterro da Venerable Orde Terceira.

O 20 de decembro de 1957 deu tamén o pregón do Nadal convidado pola Asociación Lucense de Belenistas. Ambos actos tiveron lugar no mellor marco que tiña a cidade para este tipo de acontecementos, o Salón Regio do Círculo de las Artes. Foi membro da Xunta do Museo Provincial que estreou un edificio novo aproveitando parte do convento de San Francisco colaborando na montaxe da cociña; participou na creación da sección provincial da Asociación Española de Amigos de los Castillos e na de Escritores Españoles.

Co seu traslado por desexo seu ao Instituto Feminino Rosalía de Castro de Santiago no curso 1959-1960, Lugo perdeu non só a un excelente docente senón tamén a un activista e divulgador cultural, pois escribiu artigos para diversos xornais galegos e revistas sobre temas da cidade e da provincia de Lugo.

Adolfo de Abel Vilela presentou esta semana un libro sobre a estadía de Freaguas en Lugo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Fraguas e a súa pegada no Lugo dos 50