Agustín Baamonde: «O fútbol é como a vida mesma»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

O campión de España de fútbol en categoría universitaria afirma que nese deporte se amosa o espírito das persoas no bo e no malo

13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Agustín Baamonde lembra que comezou a xogar ao fútbol por algo que pode resultar coñecido para moitos, teñan sido notables virtuosos do balón ou simples corredores entusiastas detrás dunha pelota: «O fútbol -di- era a maneira de relacionarse coa xente, a falta doutra actividade. Era máis doado, porque había grupos máis amplos. No meu eramos uns dez rapaces que andabamos xuntos ao saír da escola. O fútbol axudaba a matar o tempo». A súa dedicacióm a este deporte permitiulle ser campión de España en categoría universitaria (1968) na súa época de estudante.

-Que se aprende do fútbol para a vida?

-O fútbol é unha realidade sociolóxica; reflicte a realidade social, sobre todo no comportamento colectivo, mesmo nos hooligans. No fútbol podes atopar cousas boas é malas, porque é como a vida mesma. Aprendes a importancia do espírito colectivo, a participación nunha actividade na que outros toman parte; aprendes o valor da superación, da competitividade nun sentido san; aprendes a sufrir, porque no fútbol sófrese; aprendes a controlar as emocións... Como, en boa medida, todo o deporte, o fútbol é unha manifestación do espírito das persoas, porque a competitividade obrígache a dar o mellor de ti; tamén, por desgraza, saca a competitividade por enriba de todo, a transgresión das normas... É certo que se unen sentimentos encontrados, pero é a eterna loita do ben e o mal. Os sentimentos que unen a uns enfróntanos con outros, non doutra ideoloxía senón do equipo contrario.

-Xogou de porteiro. É certa a sensación de soidade da que se ten falado moitas veces, sobre todo cando se vai tirar un penalti contra a súa meta?

-O do porteiro é un posto peculiar. En primeiro lugar, pola posición, porque a súa facultade, a de tocar o balón coa man, só a pode facer nuna parte do campo, a súa área. En segundo lugar, a súa situación, por detrás dos demais, dálle unha visión privilexiada: dáse conta mellor ca os outros de como vai o partido. Dicíase que os porteiros estaban un pouco tolos, e creo que iso valía mellor para o fútbol de antes, de

máis contacto físico e cunha práctica, a de tirarse aos pés dos contrarios, que hoxe case non se fai. Hai un punto de soidade porque se ataca o outro equipo, está arroupado, pero se ataca o seu, queda só. Ten tamén tempo para pensar e para reflexionar como van os acontecementos; sabe onde están os problemas. Canto o do penalti, é unha mística de competitividade para os dous: un ten que meter o balón na portería, o outro ten que evitalo. A clave, e aí a soidade axuda ao porteiro, é comerlle a moral ao outro, no aspecto psicolóxico ou co silencio.

-A xente que xoga ao fútbol adoita coñecer moita xente e ser moi coñecida. Que máis se consegue deses anos de actividade deportiva?

-O fútbol ponte en contacto con moita xente, permíteche facer amigos para toda a vida. Hai camaradas do fútbol que non esqueces nunca; uns, porque son do teu equipo; outros, porque son de equipos contrarios. Se practicas fútbol moito tempo, é porque che gusta moito, e aos demais, tamén. Deixache cicatrices, e eu tamén teño algunha; pero déixache tamén satisfacción espiritual, no sentido de que pasaches uns anos marabillosos.

Durísimos partidos contra o Viveiro e contra o Foz nos que se xogaba o prestixio de Vilalba

Máis de 80 anos de vida e unha ampla presenza social, á que non é alleo o seu traballo con nenos e con rapaces, converten ao Rácing Vilalbés nunha das entidades de máis relevancia na vila. Baamonde, que foi porteiro, non dubida do que supón para un vilalbés xogar nese equipo, case unha asignatura que cómpre aprobar na vida: «Dálle unha proxección superior a calquera outro cargo», di. Lembra ademais que naqueles tempos a maioría dos xogadores eran vilalbeses e que se había algún de fóra, debíase a ser residente en Vilalba ou a manter fortes vínculos coa vila.

«Era unha relación máis forte, porque era a xente que atopabas na misa ou coa que tomabas os viños. A sensación de pertenza ao equipo da túa terra era máis acusada. Por iso os enfrontamentos co Viveiro e co Foz eran durísimos, porque se xogaba o prestixio da vila. Era un trazo de distinción: ostentabas a representación da vila, e a xente estaba pendente do resultado», explica sobre aqueles tempos.  

Máis alegría ca nostalxia ao ver que os nenos de hoxe seguen a xogar

Cando o tempo e os horarios escolares o permiten, é habitual ver nenos de Vilalba xogando ao fútbol na Praza da Constitución, xunto á Casa do Concello. Baamonde recoñece que véndoos sente máis alegría ca nostalxia. A alegría vénlle ao comprobar que os nenos de hoxe seguen a xogar como el e outros facían antano, e eses improvisados partidos ao aire libre permítenlle comprobar que se reproducen os comportamentos de hai décadas e que o fútbol se mantén moi afianzado na estructura social.