Implicadas no Desenvolvemento pechará o xoves unha mostra no Mesón do Forno contra o infanticidio feminino na India
19 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Facerlle ver á sociedade que nalgunhas partes do planeta a vida dunha muller non vale nada, e concienciala do importante que é poñer fin a esa lacra, que só na rexión india de Salem provoca cada ano a morte de máis de 200 nenas, son os principais obxectivos da exposición «Os meus ollos, as túas mans», organizada pola oenegé Implicadas no Desenvolvemento, e que se poderá visitar no Mesón do Forno ata o vindeiro xoves, día 23.
Compoñen a mostra un panel informativo e dez ilustracións en pequeno formato que viron a luz tras un encontro de socios e voluntarios que se celebrou en Lugo a finais do pasado mes de outubro. Nel tamén participaron unha decena de ilustradores, que plasmaron sobre papel algunhas das experiencias relatadas polas membros de Implicadas, e que toman parte en diferentes proxectos solidarios. Eses traballos están colgados estes días nas paredes do mesón, situado na Rúa Río Ser. Logo serán expostos noutras cidades de Galicia. O colectivo ten en marcha a campaña «1 de 200», coa que pretende sumar duascentas novas socias antes de xuño do 2011.
Implicadas traballa en Támil Nadu, na India, desde 1998. No 2007 iniciou un proxecto de erradicación do infanticidio feminino en Salem, onde viven máis de 200.000 persoas. Entre outros, ofrecen apoio ás mulleres embarazadas e grupos de aforro.