«Escribo para remoer as experiencias e coñecer a vida»

Carlos Vázquez

LUGO

Tucho Calvo presentou en Lugo unha edición revisada do libro de relatos «Corazón entre desertos»

11 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Empregando o símil e a metáfora, o escritor e xornalista de La Voz de Galicia Tucho Calvo presentou en Sargadelos a edición corrixida de Corazón entre desertos, unha obra que acubilla 22 contos que nos mergullan nunha comprometida viaxe entre os mundos da realidade e a ficción.

O libro forma parte da colección Mandaio que publica Biblos Clube de Lectores da que el mesmo é responsable canda a súa dona Carmela González. «Desexo que os relatos consigan espertar a sensación dun paseo por un fermoso xardín centenario onde macizos de flores novas, recunchos de romántico abandono, árbores señoriais e modestos arbustos, lóstregos de cor ou salvaxes escalas cromáticas se confabulen para deleite do lector», manifestou.

Calvo advertiu, asemade, que algúns destes contos talvez precisen dunha maior atención ca outros mais non considera que ese traballo seu, «paciente», se achegue sequera á sombra da incomprensión, senón máis ben a un horizonte onde conviven «os gustos e as consideracións persoais» coas que non todos deberán estar de acordo, apercibiu. Non pechou o acto sen desvelar unha necesidade vital, a de escribir para «remoer as experiencias e intentar comprender a vida a base de recapitular as vivencias que un vai xuntando». Cómpre recordar que con Froito das lembranzas o escritor principiaba en 1981 un camiño ao que irían saíndo ensaios como O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade e novelas como Telúrico , Luz de abrente e O xabaril branco .

Humanismo solidario

Claudio Rodríguez Fer cumpriu coa misión de dar a coñecer ao autor de Corazón entre desertos . Logo de repasar a longa traxectoria profesional Tucho Calvo, un emprendedor fillo de emigrantes galegos que o levou a nacer en Venezuela e que actualmente reside en Mandaio (Cesures), botou unha ollada a algunhas das iniciativas encabezadas por aquel dentro e fóra do xornal ao que pertence dende 1976, salientando accións como a da Biblioteca Galega 120 ou a das Páxinas literarias de La Voz de Galicia.

Fer subliñou que nos relatos hai un fondo de tipo «humanístico solidario», continuando, afirmou sen obviar os matices, coa tradición herdada que vén dende Rosalía de Castro ata os nosos días pasando por Castelao, Dieste e Fole onde están tamén, engadiu, Miguel Anxo Murado e o propio Calvo. «Ese pouso humanista é o verdadeiro fío condutor permanente da obra e da persoa que a escribiu», apostilou o profesor.

Rodríguez Fer fixo referencia aos elementos de narratividade que se aprecian dende as primeiras liñas.