Unhas 18 tocadoras -a maior de 91 anos- participarán mañá en Piornedo na cuarta edición desta festa
21 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A pandeira forma parte da tradición musical dos Ancares. Para que esta tradición non se perda, a asociación cultural O Teixeiro, de Piornedo, no concello lugués de Cervantes, decidiu hai uns anos organizar unha festa consistente nun encontro de tocadoras -todas elas xa de idade bastante avanzada-, no que elas poñen a música e as integrantes da organización réndenlles homenaxe por ser portadoras e continuadoras desa tradición tan valiosa.
Mañá esa festa chega á súa cuarta edición e coma nos anos precedentes será un encontro de tocadoras, en concreto unhas 18, na súa maioría persoas xa moi maiores, de feito a máis vella de todas elas ten 91 anos. Procedentes de diversos municipios de Lugo, León e Asturias, cada unha delas tocará á súa maneira ese instrumento típico da serra dos Ancares.
Nesta xornada dedicada a reivindicar a pandeira, a actividade dá comezo xa pola mañá, cando os membros da organización van recoller polas súas casas ás tocadoras, de Ibias ou Degaña, en Asturias; de Cervantes ou Becerreá, en Lugo, e de Candín ou Ponferrada, en León. Unha vez reunidas en Piornedo, celébrase un xantar de fraternidade na escola desta localidade. Este primeiro encontro das participantes na festa serve para que se coñezan e estreiten lazos entre elas e para que intercambien experiencias.
Entre as cinco e as oito da tarde teñen lugar as actuacións. Cada unha das tocadoras, responsables de que a pandeira non caia no esquecemento, interpreta varias pezas á súa maneira. A antigüidade que atesoura este instrumento e a fermosura de cada unha das interpretacións a mans desas mulleres fai que cada vez sexan máis as persoas que asisten á festa da pandeira, entre elas moitos estudosos da música tradicional e mesmo compoñentes de grupos folclóricos.
Como remate da festa e como unha forma de agasallar ás tocadoras, a asociación cultural O Teixeiro failles entrega dun obsequio representativo, que neste caso será un disco compacto coas actuacións das edicións anteriores, nas que unha das homenaxeadas é precisamente a señora Carmen, de 91 anos e natural de Ibias.
Ruta de sendeirismo
Á marxe de recuperar esta tradición, a citada asociación tamén traballou nos últimos meses no acondicionamento e sinalización da ruta de sendeirismo de Tras o Sexto. Trátase dun val glaciar no que se poden atopar restos de muíños, de fontes, de fornos e dunha planta da luz, que se usou durante corenta anos. Este roteiro, duns dous quilómetros, pode continuarse ata Vilarello ou outros lugares.