Tonelada e media de cereixas

LUGO

Alumnos de Sarria asistiron en Lugo á presentación provincial da sétima feira gastronómica de Ribas do Sil

28 may 2009 . Actualizado a las 16:17 h.

O acto de presentación a nivel provincial da sétima edición da Feira da Cereixa e do Aceite de Ribas do Sil, celebrado onte pola mañá na sede da Deputación, contou co apoio dun numeroso grupo de alumnos do colexio sarriao da Asunción, que axudaron a darlle un carácter máis multitudinario e desenfadado.

Os rapaces visitaban o pazo de San Marcos acompañados de varios profesores dentro dunha xornada do programa de visitas turísticas Km0. Alí coincidiron co alcalde e o tenente de alcalde de Ribas do Sil, Miguel Sotuela e Roberto Castro, que acudiron á Deputación xunto cos produtores José Arias e Miguel Ángel Rodríguez, levando unha abundante mostra dos produtos que protagonizan a feira gastronómica. O presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, entregou presadas de cereixas aos rapaces, que pudieron así degustar a coleita antes de ir de excursión a Bonxe e Vilalba.

Aceite, viño e tartas

Os organizadores da feira gastronómica, que se celebrará entre o sábado e o domingo, explicaron que este ano se porán á venda arredor de 1.500 quilos de cereixa e 250 litros de aceite de elaboración artesanal, presentados por un total de sete expositores. No recinto feiral haberá tamén postos dedicados a outros produtos tradicionais da comarca quiroguesa, como o viño e a tarta de castaña do Courel.

Na feira instalarase ademais un posto de bixutería, bonecas en miniatura e roupa confeccionada a man. Estes produtos foron elaborados por un grupo de doce veciñas do municipio e os beneficios que se obteñan coa súa venda destinaranse a financiar proxexctos de axuda humanitaria desenvolvidos pola oenegué Manos Unidas en Bolivia.

O programa da feira completarase con diversas actuacións musicais e actividads culturais. Os organizadores calculan que o festexo atraerá en torno a dous mil visitantes Ribas do Sil durante a fin de semana.

Pola súa parte, Gómez Besteiro, que será o pregoeiro da festa, destacou o valor económico do cultivo de cereixa para a comarca de Quiroga e resaltou a necesidade de promocionar este tipo de produtos a través de campañas como Lugo sabe , que leva a cabo o organismo provincial.