As últimas guías de Turgalicia referidas á provincia pasan moi por enriba de certos aspectos e manteñen sen actualizar datos de interese para os visitantes
12 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Se algunha das persoas que visitou a provincia luguesa durante esta Semana Santa se valeu das guías editadas por Turgalicia para obter información sobre a provincia, seguramente non atoparía nelas todos os encantos que esta provincia lles pode ofrecer. E é que a pesares de que recentemente se editaron novas guías, nelas bótanse en falta algúns dos recursos turísticos que hai en Lugo, ao tempo que noutros que si se mencionan están sen actualizar informacións tan relevantes coma os horarios ou os prezos das entradas. Ademais, nalgúns apartados, os datos recollidos nas guías son bastante reducidos e só citan moi de pasada unha serie de atractivos turísticos.
As últimas guías de Turgalicia que viron á luz neste 2009 están centradas en temas concretos, como a arte, o sendeirismo, o golf, o turismo rural e os demais tipos de aloxamentos. A dedicada ao ámbito artístico é unha das máis abondosas en canto a información, pero nela tamén se botan en falta algúns elementos. Para empezar xa se advirte que a información nela contida foi recollida en febreiro do ano pasado, polo que as dotacións posteriores a esa data non figuran. É por exemplo o caso do Centro de Interpretación da Muralla, na capital luguesa, que si aparece citado brevemente ao final nun epígrafe titulado «En preparación», no que tamén se inclúen o Museo interactivo da Historia e o parque arqueolóxico do mundo romano, ambos na cidade de Lugo.
Mosaicos
Desta capital tamén se citan a Casa dos Mosaicos, o Centro Arqueolóxico de San Roque e a Sala Porta Miñá, que recentemente cambiaron de horario e fixaron prezos pola entrada, dous aspectos que non se recollen aínda nas novas guías.
Son moitos os monumentos recollidos na guía dedicada á arte en cada un dos seus apartados específicos, aínda que no que leva por título «As pegadas do home», centrado nos restos castrexos, case só se fala do castro de Viladonga. Si que aparecen nos distintos epígrafes: Santa Eulalia de Bóveda, Santa María do Cebreiro, Santiago de Vilar de Donas, o mosteiro de Meira, o castelo de Pambre, a catedral de Mondoñedo, o pazo de Sistallo, o Círculo das Artes, o colexio do Cardeal de Monforte, o mosteiro de Samos, o campo da feira da Pobra de San Xiao, as pallozas de Piornedo, o museo da Fonsagrada, a fortaleza de San Paio de Narla, o conxunto etnográfico de A Fervenza e o museo da radio, en Outeiro de Rei, entre moitos outros elementos de interese.
Datos sobre aloxamentos
Tan abondoso en datos coma o capítulo centrado na arte son as guías referidas aos aloxamentos, entre os que figuran desde casas de turismo rural ata apartamentos turísticos, albergues e cámpings. Dentro das primeiras, Turgalicia recolle máis de 150 en toda a provincia luguesa. Polo que se refire a aqueles establecementos hostaleiros que contan cun distintivo de calidade menciónanse o Gran Hotel Lugo, o balneario desta cidade e os paradores.
Os usuarios desta guías tamén se poden atopar con certas sorpresas no folleto dedicado ao sendeirismo, no que son moi poucas as rutas consideradas como tal. Se ben é certo que non se pasa por alto o Camiño de Santiago, deténdose sobre todo no que respecta á zona do Cebreiro, as referencias a outros percorridos polo resto da provincia, tan abondosa en paraxes naturais con encanto, son practicamente nulas se se exceptúa a ruta do Faro, que comprende puntos de Chantada e de Carballedo, e a ruta da Auga, no municipio guitiricense.
Semella neste caso que só se prestou atención a aqueles roteiros recoñecidos como tal, aínda que tampouco neste caso foron recollidos todos.