Parada dos Montes, centro de interpretación en vivo

C. López

LUGO

Varias asociacións traballan para facer desta aldea a referencia do patrimonio inmaterial das terras de Lemos

16 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha aldea da Pobra do Brollón, concretamente a de Parada dos Montes, podería chegar a converterse nun centro de interpretación en vivo. Neste proxecto está traballando a asociación Lugo Patrimonio, xunto con Agader. A iniciativa enmárcase nun programa máis amplo que no seu conxunto busca a recuperación e consolidación do patrimonio inmaterial baseado nos ritos festivos da zona sur da provincia de Lugo, máis concretamente das terras do val de Lemos, como é o caso do oso de Salcedo (na Pobra do Brollón), as danzas da Cervela (no Incio), o antroido ribeirao (en Chantada), as fachas de Castelo (en Taboada), as pampórnigas e os mecos da Ermida (en Quiroga) e as fachas de Vilelos (no Saviñao).

Lois Diéguez, presidente de Lugo Patrimonio, foi o encargado de dar conta onte desta iniciativa e tamén do estado actual do proxecto para a potenciación e o desenvolvemento dos lugares nos que se celebran eses ritos festivos, presentado hai meses ás consellerías de Cultura, Medio Rural, Vicepresidencia, Innovación e Industria e Vivenda.

Diéguez, que estivo acompañado por algúns representantes das asociacións que promoven eses ritos, manifestou que están a traballar para conseguir que tales celebracións sexan declaradas Ben de Interese Cultural(BIC), aínda que recoñeceu que ao tratarse de patrimonio inmaterial sería máis axeitada outra figura que el denominou Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico.

Seguidamente os delegados provinciais de cada unha das consellerías citadas referíronse ao traballo feito de cara ao enriquecemento dos lugares nos que teñen lugar eses ritos. Neste sentido, o vicepresidente da Deputación, Antón Bao, anunciou que nos orzamentos do 2009 destinarán 35.000 euros ás asociacións que promoven esas celebracións. Tamén apoiarán a súa divulgación, estudo e investigación.

O apoio por parte de Vivenda vén a través da posta en valor dos espazos públicos onde teñen lugar eses festexos. Vicepresidencia pola súa parte vai promover unha serie de obradoiros de cara ao antroido do 2009, coma o de mascariñas, o de colonias e flores ou o de volantas, así como unha conferencia e unha exposición. En canto a Medio Rural, fará achegas para o asfaltado, o abastecemento e o saneamento da parte vella de Salcedo; na Cervela, rehabilitarense os accesos e unha fonte emblemática; e en Castelo restaurarase un local para centro de interpretación. Por parte de Cultura financiarase a restauración da igrexa da Cervela, das súas pinturas e da capela de San Roque.