Os recentes achados no xacemento de Cova Eirós poñen de manifesto a existencia dun rico patrimonio paleontolóxico nas áreas de terreo calizo da provincia.
20 nov 2008 . Actualizado a las 11:18 h.O achado de restos dun rinoceronte, de osos cavernarios e outras especies animais no xacemento paleolítico de Cova Eirós, en Triacastela, pón de manifesto a existencia dun patrimonio natural moi valioso e praticamente descoñecido na montaña lucense. A franxa de terra caliza que se estende a zona de Mondoñedo ata Valdeorras, pasando polas serras dos Ancares e do Courel, é unha zona privilexiada para o estudo da fauna prehistórica, xa que o nivel de acidez do solo permite a conservación prolongada de restos orgánicos, o que non sucede na maior parte de Galicia. A maioría dos achados relacionados coa fauna primitiva galega -incluíndo os de Cova Eirós- foron realizados neste territorio, que en opinión dos especialistas continuará proporcionando importantes achados científicos no futuro.
Este patrimonio só comezou a ser investigado de forma sistemática desde hai unha vintena de anos. Os especialistas do antigo Laboratorio Xeolóxico de Laxe, hoxe Instituto de Xeoloxía da Universidade da Coruña, encárganse deste labor sen contar con moitos recursos. A paleontóloga Aurora Grandal d'Anglade, que estuda o xacemento de Triacastela e ten realizado numerosos traballos neste campo, opina que «as administracións non lle prestan moita atención ao estudo da fauna prehistórica, quizá porque a estas investigacións non se lles ve unha aplicación prática e por tanto son consideradas como algo secundario». Non obstante, segundo indica, «coñecer a fauna primitiva é importantísimo para reconstruír os cambios climáticos que se produciron no pasado e polo tanto estes estudos axudan a comprender mellor os fenómenos que se están rexistrando agora mesmo».
Avances
Nos últimos anos, a investigación da fauna prehistórica nas zonas calizas de Lugo e Ourense experimentou considerables avances a pesar das dificultades con que se encontran os científicos. Todos estes achados corresponden ao período Pleistoceno -era xeolóxica que finalizou hai 12.000 anos, cando terminou a última glaciación-, pois as características xeolóxicas da zona fan moi problemática a conservación de restos de períodos máis antigos.
Os descubrimentos realizados neste territorio son divulgados regularmente na comunidade científica mediante diversas publicacións especializadas, pero a un nivel máis popular este patrimonio é práticamente descoñecido. O libro A natureza ameazada , editado hai algúns anos polo Consellero da Cultura Galega e difundido a través de Internet, é un dos lugares máis accesibles onde se poden encontrar referencias sobre a fauna primitiva galega. A divulgación destes achados, apunta por outra parte Aurora Grandal, experimentará seguramente un paso importante coa publicación dunha obra sobre a Idade de Xeo en Galicia que están preparando desde hai tempo os especialistas do referido instituto universitario, pero este proxecto aínda está a medio camiño.