Gran día de feira dun gran queixo

C. López cristina.lopez@lavoz.es

LUGO

A primeira xornada da edición número 14 da Feira do queixo de San Simón da Costa respondeu ás expectativas e onte foron moitos os que se achegaron ata a capital chairega para disfrutar das diferentes actividades programadas con motivo desta celebración. Pasadas as catro da tarde, hora de inicio da feira, a praza empezaba a encherse de xente, que nun día de moito sol non quixo perderse a cita na que se exalta un produto moi apreciado polos consumidores. A medida que pasaban as horas ía medrando a afluencia de público, moito do cal se amoreaba diante dos postos para levar algunha peza, ou ben para participar na degustación. O propio presidente da Asociación de queixeiros, Javier Piñeiro , recoñecía que «para ser sábado, hai moita xente, sobre todo de fóra de Vilalba».

Esta é unha feira dedicada ao queixo de San Simón da Costa e as protagonistas da celebración son as oito queixerías -Catadoiro, Daniberto, As Fontelas, Don Crisanto, Don Gabino, Prestes, Valado e Cas Leiras- que nestes dous días poñerán á venda un numero de pezas difícil de calcular e centrarán o seu esforzo en promocionar aínda máis este produto. Pero nos máis de cen expositores que acoden a esta feira os visitantes tamén van poder atopar queixos doutras denominacións de orixe e doutros países, unha variada gama de produtos alimenticios e un gran surtido en artículos artesáns.

Unha das novidades desta edición da feira foi a organización do primeiro concurso de tapas elaboradas con este queixo. Neste certame participaron preto de vinte establecementos hostaleiros da capital chairega que empregaron o queixo de San Simón da Costa tanto en pratos de carne como de peixe, verduras ou hortalizas. Os tres mellores (spa de Santaballa, mesón do Campo e cafetería Xalundes) recibiron onte como agasallo unha figura de cerámica de Otero Regal.

Ao xornalista e director do programa televisivo O agro , Anxo Vázquez , foille encomendada a lectura do pregón desta edición da feira. Nel referiuse a algunhas das súas vivencias relativas ao sector agrícola e gandeiro, e máis particularmente ao queixo de San Simón da Costa, do que leva feito algunha que outra reportaxe. Vázquez aludiu igualmente á evolución deste produto e ao seu futuro.

E o futuro do queixo de San Simón da Costa pasa precisamente por acadar o seu recoñecemento a nivel europeo. Neste sentido, o Diario Oficial das Comunidades Europeas publicou onte a solicitude de inclusión desta denominación de orixe protexida no Rexistro Europeo das Indicacións Xeográficas e das Denominacións de Orixe dos produtos agrícolas e alimentarios. A partir de agora ábrese un período de seis meses nos que calquera entidade, organismo ou particular pode presentar alegacións a esta candidatura. Se finalmente non se produce ningunha interferencia, pasado ese tempo, esta denominación de orixe protexida obterá a autorización para vender comercialmente os seus produtos no ámbito da UE.