Telémaco presenta hoxe no club Babel o seu segundo traballo: unha viaxe arredor do elemento telúrico
16 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Primeiro foi o Aire e agora tócalle á Terra. A este elemento está dedicado o segundo disco de Telémaco, que será presentado oficialmente esta medianoite no club Babel.
O novo traballo desta formación, integrada polo pinchadiscos Dr. Think e o multiinstrumentista Mike Rolling, articúlase en tres partes: cortiza, manto e núcleo, cada unha cunha duración distinta (15, 18 e 21 minutos) e con diferentes composicións. Como sinala un dos compoñentes do grupo: «O disco é unha mestura de música electrónica, instrumentos tradicionais e mesmo aparatos caseiros, pero unha mestura con sentido».
Detrás deste novo disco de Telémaco hai dous anos de intenso traballo, compaxinado coa xira do primeiro disco: Outotono . As melodías incluídas en Terra son froito dunha serie de gravacións en directo das que o grupo escolleu finalmente as que máis lles gustaron. Neste caso foron os temas gravados na sala Fnac de Madrid. Algunhas desas composicións serán interpretadas en directo esta noite na sala Babel. Será unha sesión na que, como é habitual nas actuacións deste grupo, os sons e as melodías combinaranse coas imaxes e as videocreacións.
Ademais de dr. Think e Mike Rolling, neste traballo Telémaco contou con Luis e Marcos, encargados dos espazos visuais; Arturo Vaquero, que se ocupou da masterización do disco, levada a cabo nos estudos Abrigueiro; Carlos Adrio é o responsable do deseño gráfico e Sonia Frade da fotografía.
Os que asistan esta medianoite á presentación do disco Terra terán a oportunidade de adquirilo alí mesmo, aínda que tamén poden facelo a través da páxina da distribuidora:www.22atico.com, ou ben, nas tendas especializadas.
Como paso previo a esta presentación, Telémaco vén de realizar unha pequena xira por terras andaluzas. O seu seguinte concerto será o día 29, en Santiago de Compostela, concretamente na Casa das Crechas. Como ocorrera co primeiro traballo, que os levou de xira por Europa, Latinoamérica e África, os membros do grupo están dispostos a ir actuar alí onde os chamen, para que todo o mundo coñeza esta viaxe sonora e visual ao planeta Terra.