As San Lucas aínda son un imán para os veciños da comarca

X.?M.?Palacios / R.?Loureiro

LUGO

O costume de acudir a Mondoñedo polas feiras mantense nos concellos da zona

21 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

O pasado 18 de outubro, caeu en xoves. Nesa data, día das San Lucas, preto do Seminario de Mondoñedo estaban aparcados cadanseu autobús de Riotorto e da Pastoriza. Se tivese ocorrido hai décadas, a situación sería a de calquera xoves, día de mercado nunha cidade á que chegaban veciños deses e doutros concellos para as compras e outras xestións.

Os autobuses de feiras e mercados xa son só unha lembranza, pero non en días como o das a San Lucas, no que a tradición de ir a Mondoñedo é tan forte como as raíces dun carballo plantado hai séculos. Na cidade episcopal xúntanse os da Mariña e os da Terra Chá, os do Ortegal e os do Occidente de Asturias, e este ano non foi unha excepción nas terras que rodean Mondoñedo polo leste e polo sur.

Antonio Rúa, crego que atende varias parroquias de Riotorto, non faltou á cita este ano. «É algo de sempre», di. Nenos e vellos, entre os que mesmo hai persoas con saúde delicada, mergúllanse no ambiente da festa e da feira: «Sen As San Lucas non se pasa o ano. Se non se vai ás feiras, falta algo», explica.

Misa

Rúa celebrou unha misa o pasado xoves no santuario dos Remedios. No oficio relixioso había fregueses das súas parroquias, como os había tamén comendo o polbo o paseando por unhas rúas cheas de xente. Ao crego sorprendeulle algo que nun día de semana houbese tanta xente en Mondoñedo.

Unha das explicacións pode estar nun concello que limita con Mondoñedo e con Riotorto. O 18 de ouubro é un dos días de festa local na Pastoriza, e o feito ten moito que ver coas feiras de Mondoñedo, ás que acoden moitos veciños.

Na Pastoriza houbo cambio de goberno tras as eleccións municipais de maio -un pacto PSOE-BNG substitúe ao PP no Concello-, pero non hai intención de cambiar esa festa. «Non lle vemos moito sentido porque hai moita tradición no concello e non hai un día festivo mellor ca ese», di a tenente de alcalde, a nacionalista Elba Carrera.

Carrera non foi a Mondoñedo o día 18, pero sabe que por alí andaban moitos veciños seus: «Estiven vendo a televisión, e a xente que saía era da Pastoriza», afirma.

Ambiente familiar

Se baixa xente do outro lado do Fiouco e de máis alá de Campo do Oso, algo semellante ocorre ao sur da Xesta. No concello de Abadín, que tamén limita con Mondoñedo, non importou que o xoves 18 fose un día do medio da semana. Ir a Mondoñedo «é unha tradición que non se perde», comenta a presidenta da asociación de empresarios, Ana Álvarez, que ademais confesa o gusto que sente no ambiente do Mondoñedo sanluqueiro, case familiar pola cantidade de coñecidos e de veciños que atopa.

Queda claro, pois, que estas son unhas festas tradicionais? Semella que si, como di o vilalbés Ángel Ramil, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe San Simón da Costa: «É importante non perder as tradicións», subliña. Aínda que o venres, día no que se redactou esta información, non sabía con seguridade se iría na fin de semana -as festas rematan hoxe-, Ramil di que unha das cousas polas que sente predilección é por achegarse ao barrio dos Muíños e ver baixar as greas de cabalos.

Que as San Lucas son unha tradición é algo que tamén di o alcalde de Vilalba, o popular Gerardo Criado. Xuntarse para comer con amigos nesas datas é algo que fai con frecuencia dende hai anos.