«O teatro é un risco, pero moi atractivo para os actores»

LUGO

A sona que acadou na televisión vai acompañada dunha dimensión teatral da que se sente moi satisfeito

14 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Pazos non agacha a súa dimensión televisiva, aínda que tamén salienta os traballos que fixo no teatro: aínda que a conversa se celebra por teléfono, intúese ben que fala con satisfacción dos seus papeis en obras como Galileo Galilei ou As alegres casadas de Windsor , nas que participou dentro do Centro Dramático Galego.

Hoxe actúa en Vilalba. No auditorio da capital da Terra Chá, ás oito do serán, represéntase Parella aberta , obra de Darío Fo na que o actor ourensán comparte protagonismo con Elena González baixo a dirección de Esteve Ferrer. A obra forma parte da programación cultural de outono que organiza o Concello vilalbés.

-É difícil saltar dun xénero a outro?

-Non. Sempre fixen moita comedia. Que che obriguen a facer outro rexistro é moito mellor porque supón una superación. O bonito de ser actor é que aprezas retos. Todos temos un rexistro moi coñecido: o bonito é cando che piden outro, é un gran aliciente. Se non fose así, faríaste moi vago, porque xa te afarías a unha serie de cousas. A televisión ten ese perigo: grávase moi rápido e non hai tempo a preparar a personaxe.

-Como inflúe o feito de ter o público tan preto, que é o que ocorre cando se actúa no teatro?

-O teatro é distinto todos os días; tes que xogar cada día porque cada día é unha realidade completa. Pode haber unha receptividade grande ou pequena; pode haber un público seco ou fenomenal, que entre en todo. É unha loita continua: un risco, pero moi atractivo para nós.

-Resulta difícil actuar nunha obra como esta de Darío Fo?

-Nos papeis cómicos tes o perigo de pasarte de cómico. Os actores da miña xeración, que temos unha formación moi autodidacta, temos ese risco; e cando tes ese risco, podes perder veracidade. Pero é un gozo traballar con Elena González, a miña compañeira.

-Sentirase representado o público nunha obra como a que se representa hoxe en Vilaba?

-As relacións de parella seguen a ser como hai 2.000 anos. Na obra xógase coa hipocrisía dos supostos homes progresistas de esquerdas, que queren igualar os seus dereitos cos das mulleres. Vailles moi ben mentres iso non afecte aos seus intereses. É unha peza que engancha ao público. Ademais é do ano 1983 e está moi actualizada: o mundo da parella e as relacións que hai son moi parecidas. Na obra non sae gañando a muller, pero vese que o home é máis hipócrita: por iso hai que animar ás mulleres a que veñan ver a obra.

-E aos homes?

-Tamén. Teñen a obriga.