«Gustounos moito ganar o concurso porque é o ano do noso centenario»

B. Lázare

LUGO

Héctor López acaba de recibir un novo premio, xa que o restaurante España conseguiu o primeiro premio do Concurso de Tapas de Lugo, na modalidade das creativas.

-¿Cachola de porco celta con caviar de grelos e aire de cachelos é unha tapa para padares esixentes ou pode facer grandes cantidades para a barra?

-É unha tapa elaborada que da bastante traballo, feita expresamente para o concurso e que ofrecemos eses días. É como un prato de cociña innovador, pero en miniatura. Este ano todo o mundo se implicou moito con tapas elaboradas, e nós tamén quixemos participar da mellor maneira que sabemos, con unha novidosa.

-¿Para un restaurante son moi importantes os premios?

-Para nós, o bonito desta iniciativa é participar, sobre todo vendo que todos se implicaron tanto este ano. É verdade que nos gustou moito ganar o concurso porque é o ano do noso centenario. É especial para nós.

-¿Tivo influenzas para elaborala?

-É unha tapa feita partindo de dous principios, da creatividade e de produtos moi identificados con Galicia e sobre todo con Lugo, de aí o caviar de grelos, que é unha técnica que sacou Ferrán Adriá, e o aire de cachelos.

-¿Deixarase de comer algún día lacón con grelos e con cachelos?

-Ogallá que non. Ten que haber lugar para todo, para un prato excepcional tradicional, e tamén para outros máis novidosos.