«O importante é que a maxia non se fai en 'playback'»

LUGO

SIMÓN BALVÍS

Entrevista | Luis de Matos O ilusionista máis recoñecido de Portugal destaca «os magos só facemos os trucos, pero a maxia ocorre na mente do público»

10 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

? Gala Internacional As xoves estrelas da maxia pecha esta noite ás 21.00 horas no auditorio a cuarta edición do festival Lugo Máxico. O portugués Luis de Matos (Maputo, Mozambique, 1970) é o mestre de cerimonias. Matos, colaborador do programa Luar , foi elixido Mago do Ano en 1999 pola Academia de Artes Máxicas de Hollywood. A conversa discorre no que el define como «unha mestura de mal portugués, mal castelán e mal galego». -Si, pero gústame moito. Ao longo dos anos levo facendo televisión en Portugal, presentando os convidados e facendo maxia. Ser anfitrión gústame na vida e na profesión, para que a xente estea a gusto. -Vostede é un mago moi televisivo. -Intento facer as dúas cousas. Gústame moito a televisión, pero tamén o teatro, para manter a miña ilusión. Trato de crear maxias máis televisivas, pero tamén estar en contacto directo co público. -¿Garda algunha maxia especial para esta noite? -A maxia que me gustaría sería a de ser un eficaz condutor do público: preparalos para que poidan disfrutar ao máximo dos números, e que todo teña unha liña dramática e sexa coma unha viaxe. Eu conducirei o autobús e espero facelo con seguridade e levar á xente por paisaxes bonitas para que queiran repetir. Gustariame que a xente saise cun sorriso e que gardase o recordo de que o pasou ben. Nós facemos os trucos, as ilusións, pero a maxia ocorre na mente dos espectadores. -Ten moitos premios, foi Mago do Ano en 1999. -Son cousas que as organizacións destacan para dar publicidade, pero ao minuto seguinte de recibilas xa tés que estar traballando. Somos como os antigos gladiadores romanos, que cando vencían ao león tiñan unha ledicia momentánea, pero ao día seguinte xa tiñan outro león. -Debe de ser difícil estar continuamente renovando os xogos ¿Como o fai? -A maxia é como a música: só existen sete notas pero todos os días os compositores as reordenan e temos música nova. Igual que a pintura, pois as cores que usaron Picasso ou Dalí son as mesmas que as dos pintores vangardistas. A renovación non vén, hai que estar traballando continuamente para que poida manifestarse, pero as bases son as mesmas. Penso que a inspiración para crear calquera cousa nunha arte está fóra desa arte. Por iso intento ir ao cine, a exposicións, ao teatro ... para ver cómo os artistas encaran o que os rodea. -Pero ¿como se lle ocorre a un facer desaparecer un elefante? -Primeiro hai que ter un elefante e un piso moi pequeno. Entón dis: mellor o fago desaparecer. Non é o número máis espectacular, pero crea moita expectación. -¿E que pasa cando falla un truco? -A min sempre me saiu. Pero o importante é que a maxia non se fai en playback , e non é como ler un poema, no que as palabras son sempre as mesmas. É sempre en directo, sabes cómo empeza pero non cómo remata. O resultado final depende da interacción entre o público e o artista. Coma en todas as artes, canto máis experiencia, estás máis preparado para conducir as percepcións do público. -¿É difícil vivir da maxia? -É difícil vivir de calquera profesión. Non se pode ser folgazán. Hai que intentar sempre ser o mellor, aínda que non se consiga. Sempre hai e haberá bos, malos, mediocres e excepcionais, e iso o deciden os demais. Pero nós decidimos con qué paixón, intensidade e esforzo o facemos. -¿Como vai a maxia en Portugal? -Levo 15 anos traballando e, humildemente, penso que contribuín a divulgar a maxia e atraer novos espectadores. A percepción é diferente á de hai 15 anos. -«Pío pío». -... [desaparece].