Grazas, Renfe

LUGO

ATALAIA | O |

22 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A FATALIDADE ten, ás veces, cousas curiosas. Como, por exemplo, que un tren que tarda 11 horas en comunicar a provincia de Lugo con Euskadi, porque a súa velocidade media non pasa moito dos 70 quilómetros por hora, descarrile por exceso de marcha e provoque a morte de seis persoas e feridas a máis de medio cento. As primeiras estimacións apuntan a que neste caso os motivos do accidente no foron as condicións do material rodante empregado pola empresa ferroviaria. Parece que por moi bos que fosen os coches que ían enganchados á locomotora o descarrilamento houbese ocorrido igual. De todos os xeitos non se pode pasar por alto, nin tampouco se debería consentir, que a empresa ferroviaria destine aos servizos galegos verdadeira chatarra rodante. Os vagóns, segundo algúns expertos teñen 30 anos de vida e aínda que cambiaron media ducia de veces de pintura (nos talleres da Renfe fan milagres) seguen a ser ferruxe. O problema non é exclusivo do tren que nos leva a Euskadi. O material empregado para as conexións con Madrid e Cataluña, pode comprobarse con dar unha volta pola estación lucense, é tamén obsoleto. O tren de Bilbao-Irún-Hendaya arrastra unha lista negra. É frecuente que no inverno non funcione a calefacción e no verán falle o aire acondicionado. Non hai moito, varios familiares de quen isto lles conta tiveron que fuxir do vagón por mor dun incendio. Renfe privou a media provincia lucense, a principios do ano 1994, dos servizos directos co País Vasco. Deixou só a posibilidade de desprazarse a Monforte, sen garantía oficial de enlace se o viaxe se fai no nun rexional, e nesa estación subir ou baixar do Intercity diúrno. Naqueles anos a medida provocara múltiples protestas. Agora, visto o visto, aínda hai que dicir: grazas, Renfe por sacar a media provincia un tren lixo e por facernos ir en autobús.